O lalinense será titular nas comisións de Industria, Enerxía e Innovación e de Pesca, e ocupará o cargo de secretario xeral adxunto na dirección da Delegación Socialista Española na Eurocámara.
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares participou hoxe en Estrasburgo na sesión de constitución do Parlamento Europeo co compromiso de “defender os asuntos que teñen que ver con Galicia”. O parlamentario galego mostrouse “contento e orgulloso” por ter a oportunidade de continuar o seu traballo en temas como a transición enerxética e ecolóxica nesta décima lexislatura que comeza.
González Casares formará parte da Comisión de Industria, Enerxía e Innovación, así como da de Pesca e da Subcomisión de Saúde. Ademais, figurará como suplente na Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria, tal como se confirmou onte.
Onte tamén se deu a coñecer que a Comisión Executiva Federal do PSOE aprobou o seu nomeamento como secretario xeral adxunto da Delegación Socialista Española na Eurocámara, xunto a Hana Jalloul e Lina Gálvez, mentres que Leire Pajín será secretaria xeral e Javier Moreno volverá ocupar o cargo de presidente. O lalinense agradeceulle ao PSdeG, e en especial ao secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, “que fixera forza” para que os socialistas galegos “foramos influíntes” en Europa.
González Casares insistiu desde Estrasburgo en que Galicia non pode “perder o tren” daestratexia de crecemento que supón o Pacto Verde Europeo, “que pode traer grandes oportunidades” para o país. “Os socialistas somos os únicos en Galicia que de verdade creemos que aquí temos oportunidades industriais e de progreso para a nosa terra”, asegurou. Tamén se comprometeu a seguir traballando nos asuntos pesqueiros “como na pasada lexislatura, pero dun xeito máis intenso nesta como membro titular desa comisión”.
Tamén referido ao ámbito do mar, avanzou que neste momento hai unha gran posibilidade de contar cun comisario dedicado exclusivamente á pesca durante os vindeiros cinco anos, algo polo que os socialistas están loitando estes días, afirmou.
Nicolás González Casares tamén fixou como obxectivo para os vindeiros anos manter a antedita influencia dentro dun gran grupo como o da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, no que repite como presidenta a española Iratxe García, para que Galicia estea presente na axenda comunitaria.