Montse Valcárcel: «Esta é unha nova competencia que a Xunta delega nos concellos e que produce que as administración municipais teñan que facer un gran esforzo tanto económico como administrativo»
As deputadas do BNG no Parlamento Galego Montse Valcárcel e Cristina Fernández Davila, xunto co deputado Daniel Castro mantiveron un encontro con representantes dos conservatorios municipais de Vilalba, Viveiro e Monforte para presentarlles a iniciativa que o BNG levará ao parlamento reclamando á Xunta que asuma as competencias que lle corresponden na xestión dos conservatorios, cuxos custos recaen en moitos concellos nos que están situadas as súas instalacións. O BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que lle demanda á administración que costee o servizo educativo na súa totalidade, nas áreas de mantemento, dotacións, materiais educativos e instrumentos, persoal docente e non docente.
No caso dos centros ubicados na provincia de Lugo, a Vicepresidencia da Deputación, dirixida polo BNG, está a colaborar co mantemento deste servizo para librar á administración local «dunha parte do importante investimento que supón este servizo», explicou Montse Valcárcel. O BNG ve necesario que a Xunta asuma as súas competencias, dado que a situación actual está a ocasionar importantes prexuízos e discriminacións sobre todo no ámbito rural, onde é habitual que os usuarios e as usuarias dos conservatorios paguen máis polas taxas da matrícula e mensualidades, un gasto que se suma aos cartos que unha boa parte dos e das estudantes teñen que desembolsar polos desprazamentos até os centros.
En Galiza, alomenos 23 concellos están asumindo competencias que non lles corresponden polos conservatorios, motivo polo que o BNG reclama que, mentres a Xunta non asuma directamente a xestión e os custes, convoque axudas para os municipios afectados e colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente mediante as listaxes da Consellería de Educación. O BNG reclama tamén que a Xunta proporcione as ferramentas informáticas necesarias para prestar o servizo.
Montse Valcárcel fixo fincapé na falta de persoal destes centros á hora de cubrir as baixas, debido á especificidade das prazas, o que fai que moitos concellos estén a realizar un gran esforzo «para servizos que se prestan non só ao concello no que se ubica o conservatorio, senon que reciben alumnado de moitos concellos da contorna»
Na iniciativa rexistrada no Parlamento, o BNG reclama tamén a creación dunha rede de conservatorios profesionais de música, «agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios de proximidade, así como de poboación total, tendo en conta unha oferta equilibrada territorialmente».