O PP denuncia a “parálise do PSOE/BNG” co novo pavillón de Lugo, catro anos despois da súa promesa

O Grupo Popular de Lugo criticou hoxe a inacción do goberno local PSOE/BNG ante o proxecto do novo pavillón polideportivo, cuxa construción foi prometida polo PSOE en 2021. O concelleiro popular Damián Carballo lamentou que, catro anos despois, non se teñan producido avances significativos.

«O que vía como un cidadán máis, hoxe tócame analizalo como concelleiro de Deportes e a realidade é que o novo pavillón é unha das moitas promesas incumpridas do goberno local», sinalou Carballo.

O edil popular subliñou que nin o alcalde, quen foi responsable da área de deportes, nin o BNG, que actualmente xestiona unha importante dotación orzamentaria, demostraron «capacidade de xestión para unha infraestrutura tan necesaria».

Carballo recalcou que a saturación das instalacións actuais segue prexudicando a clubs e deportistas. «Os equipos seguen sufrindo complicacións para planificar adestramentos e competicións, tanto federados como de base, pola falta de espazos», explicou.

O concelleiro popular lembrou o historial de atrasos do proxecto: «Estamos a falar dunha cuarta tempada perdida para a cidade. É lamentable que durante 26 anos de gobernos socialistas e nacionalistas non fosen capaces de dar resposta á boa saúde dos clubs deportivos con instalacións suficientes e dignas».

A moción do PP tamén incide na falta de diálogo con outras administracións, recordando a importancia dun convenio coa FEGAMP que permita o uso de instalacións doutras administracións fóra do horario lectivo, proporcionando así seguridade xurídica aos clubs.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios