Esta semana, a directiva manterá as primeiras reunións coas entidades para poñelos en marcha
Os empresarios de turismo da Costa da Morte (APTCM)veñen de recibir a concesión definitiva de dous proxectos financiados por fondos europeos a través dos Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP) Costa da Morte e Costa Sostible, impulsados pola Consellería do Mar, por unimporte total de 182.738 €.
O desenvolvemento dos proxectos “Tempo de Mar” e “Temporada de mar” basearase na campaña piloto «Meses con R, aposta segura», que se levou a cabo con gran éxitono 2023, e cuxo obxectivo principal é poñer en valor os produtos locais e o patrimonio pesqueiro e marítimo do territorio.
“A promoción da gastronomía local resulta crucial para resaltar a importancia dos produtos autóctonos, poñendo en valor cada produto na súa tempada correspondente e diversificando a oferta turística do territorio”, subliña Pepe Formoso, presidente de APTCM.
A asociación aplicará a aprendizaxe obtida do proxecto piloto «Meses con R» e desexa, con isto, consolidar os lazos entre produtores, comercializadores e restauradores no xeodestino, creando unha rede de establecementos nos que se ofrezan menús nos que os protagonistas sexan os produtos autóctonos do mar.
Realizaranse showcookings que permitirán aos visitantes non só saborear os peixes e mariscos, senón tamén coñecer a súa historia e tradición, nun esforzo conxunto entre o sector turístico e as confrarías de pescadores.
Realizaranse, ademais, eventos específicos para destacar a diversidade e autenticidade da gastronomía local, e levaranse a cabo xornadas de concienciación sobre a importancia da preservación do medio ambiente e o patrimonio cultural, así como sobre as oportunidades e desafíos da economía azul. Tamén se organizaránblogtrips con blogueiros e blogueiras profesionais, para impulsar a oferta turística da Costa da Morte e incentivar a súa promoción como destino gastronómico de primeiro nivel.
Así mesmo, desenvolveranse produtos de merchandisingpara a súa utilización nos establecementos de APTCM adheridos á campaña, como mandís, manteis ou soportes para menús, para darlle visibilidade a estes proxectos.
APTCM reuniuse con Marta Villaverde, nova Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e reunirase tamén esta semana coas xerencias dos GALP Costa da Morte e Costa Sostible, para comezar de inmediato a traballar na súa execución.