Cubertas todas as prazas da XI edición do curso de actividades auxiliares de agricultura da Deputación de Ourense

por Redacción Ourense

O Inorde e Cáritas poñen en marcha, coa colaboración nesta ocasión da Fundación Inditex, a XI edición do curso en técnicas básicas e operacións auxiliares en agricultura co obxectivo de dotar de coñecementos ás persoas en risco de exclusión social, nun dos sectores que máis demanda ten actualmente de man de obra cualificada na provincia.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a coordinadora de Programas de Cáritas Ourense, Mª Carmen Alonso, acompañados polo persoal do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, presentaron os detalles desta nova edición para a que xa están cubertas todas as prazas.

Este curso leva formando a máis de 100 persoas, aportándolle as habilidades e os coñecementos técnicos precisos para acadar un lugar na estrutura produtiva do sector primario, vía posto de traballo ou ben por iniciar procesos de emprendemento e autoemprego.

Coa posta en marcha desta nova edición, «materializamos un dos compromisos que mantén o Inorde co tecido social da nosa provincia ofrecendo un curso para que o alumnado poida mellorar a súa empregabilidade no sector agrario e que ademais, nos permite doar os produtos colleitados durante a parte práctica da formación a comedores sociais de Cáritas Ourense ou á súa rede de apoio económico-social», lembrou Rosendo Fernández.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario