O BNG defenderá no vindeiro pleno municipal que o SERGAS garanta o aborto na sanidade pública ás mulleres de Lugo
O BNG levará unha proposición ao vindeiro pleno para reclamar á Xunta de Galiza que cumpra a súa obriga e garanta que as mulleres que decidan exercer o seu dereito a interromper o embarazo o poidan realizar na sanidade pública «eliminando os desprazamentos excesivos que se están a forzar na actualidade», explicou a concelleira Maite Ferreiro. A Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Sanidade, deixou en mans privadas o exercicio do dereito ao aborto das mulleres de Lugo naqueles casos en que se practica a interrupción do embarazo a través dun procedemento cirúrxico. Até o de agora as derivacións para embarazos a partir das 8 semanas realizábanse a unha clínica situada na cidade da Coruña mais, unha vez finalizado o concerto con este centro as mulleres son obrigadas a desprazarse até a cidade de Vigo, a máis de 200 quilómetros.
«A Xunta está a vulnerar os dereitos das mulleres ao non prestar na sanidade pública con medios propios este servizo, a discriminación é aínda maior se temos en conta o prexuízo que causa ter que cruzar o País de punta a punta», explicou Maite Ferreiro. No ano 2021 o BNG conseguiu o acordo unánime do Parlamento Galego para que a Xunta de Galiza garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública dispoñendo os medios materiais e humanos necesarios para tal fin independentemente da existencia de persoal sanitario que se declare obxector de conciencia. Malia isto, os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Sanidade, correspondentes a 2022, demostran que a Xunta non está cumprindo: dos 2.975 abortos levados a cabo, só 561 foron atendidos en hospitais e deles tan só 513 en hospitais públicos. Pola contra, dos 2.414 abortos extrahospitalarios, 1.677 foron en centros privados.
A proposta do BNG reclama ao goberno da Xunta de Galiza acabar cos desprazamentos de mulleres luguesas a unha clínica privada de Vigo nos abortos instrumentais. Para tal fin, o BNG reclama á Xunta de Galiza que dote dos recursos necesarios o HULA «para que ningunha muller teña que acudir á sanidade privada nin a centros fóra da provincia».