A Xunta concederá axudas de ata 26.250 euros por cada muller contratada con carácter indefinido en sectores masculinizados

por Redacción Galicia

En virtude desta convocatoria novidosa coa que se dá cumprimento ao recollido na Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia aprobada a finais do ano pasado, prevese beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que neste 2024 impulsará a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas, ademais de promover a adaptación dos espazos de traballo co gallo de favorecer a igualdade. Cun orzamento inicial próximo aos 1,7 millóns de euros que poderá ser ampliable, trátase da primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa, que dá cumprimento á Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia aprobada a finais do ano pasado.

Coa orde de achegas, que é un dos compromisos para os primeiros 100 días de lexislatura do presidente Alfonso Rueda, búscase incrementar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas. Ao mesmo tempo, tamén ten como fin contribuír a atraer e reter talento e a diminuír a fenda salarial entre xéneros incrementando a renda das mulleres e a súa promoción profesional.

Deste xeito, con esta liña prevese beneficiar unhas 75 mulleres desempregadas para seren contratadas en ocupacións como a enxeñaría en construción e obra civil; as enxeñarías relacionadas co deseño, investigación e desenvolvemento, análise e deseño de software; ou en ocupacións técnicas relacionadas coas ciencias físicas, químicas e ambientais. Tamén no ámbito da loxística, transporte de pasaxeiros e mercadorías e nas relacionadas coa mecánica e reparación de equipamentos electrónicos, entre outras.  

Poderán ser entidades beneficiarias desta nova orde de achegas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados en Galicia.

Detalles da convocatoria

A orde conta con dúas liñas de axuda, a primeira para impulsar a contratación por conta allea de mulleres desempregadas en ocupacións masculinizadas ou con infrarrepresentación feminina, mediante contratos de duración indefinida realizados entre o 1 de xaneiro de 2024 e ata o 20 de outubro de 2024. Así, as contratacións indefinidas iniciais a tempo completo incentivaranse cunha contía base de 15.000 euros. Mentres, aos contratos indefinidos iniciais a tempo parcial (mínimo 50%) e aos indefinidos fixos-discontinuos (mínimo 6 meses) corresponderalles unha contía base de 7.500 euros.

Estas cantidades base poderán incrementarse nun 15% nos seguintes casos, acumulables entre si: se o centro de traballo está situado nun concello rural, se a muller contratada ten discapacidade, se é maior de 45 anos, se é retornada ou estranxeira ou se é unha persoa trans. Deste xeito, a contía máxima posible a subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 euros.

Canto á segunda liña de axudas, busca promover a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo nas empresas, con obras en aseos, vestiarios ou en espazos para menores  realizados e pagados a data de 20 de outubro de 2024. Neste caso, o importe máximo da axuda será de 10.000 euros.

En total, polo tanto, e de aplicarse todas as subas, a axuda máxima posible para unha empresa beneficiaria sería de 36.250 euros por persoa contratada e adaptación do espazo.

O prazo de solicitude das achegas arranca mañá e prolongarase ata o próximo 30 de setembro.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240718/AnuncioG0767-100724-0001_gl.html
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario