Besteiro reafirma o compromiso dos socialistas coa política de vivenda pública e insta á Xunta a poñerse a traballar “e abandonar a crítica improdutiva”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento Galego acompañou á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, nunha visita a Betanzos para revisar rehabilitacións financiadas con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ás que o Estado destinou máis de 700.000 euros

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento Galego, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou esta mañá, xunto con outros cargos socialistas, á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, nunha visita a Betanzos para comprobar o estado de diferentes iniciativas de rehabilitación que contan con financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

En concreto, trátase da recuperación de 40 vivendas no conxunto histórico betanceiro, dentro do programa de axuda ás actuacións a nivel de barrio, ás que o ministerio dedica 700.000 euros. A eses edificios únese a obra de mellora do mercado municipal, á que se achegaron para coñecer de primeira man os avances na execución dun proxecto desenvolvido ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para as Entidades Locais.

En declaracións tras a visita, o secretario xeral asegurou que a problemática da vivenda “preocupa e ocupa” a un Partido Socialista que está “absolutamente comprometido” tanto en España como en Galicia na busca de solucións. Entre elas, citou as transferencias de fondos que está a facer o Goberno “para sacar adiante a vivenda pública”.

En contraste, “esperamos da Xunta maior dinamismo que o que tivo durante os últimos 15 anos, cando non foi capaz nin tan sequera de conseguir as cifras que acadou o Goberno de Pérez Touriño”, indicou Besteiro, que apoiou esa afirmación en que nos catro anos de presidencia do socialista se construíu máis vivenda que en catro mandatos do PP. En concreto, foron 10.000 as vivendas que desenvolveu o equipo de Touriño, mentres que o Partido Popular, en catro veces ese tempo, non acadou nin a metade, cun ritmo inferior a 300 vivendas ao ano.

Pacto pola vivenda

José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a que o PSdeG seguirá insistindo en que a política de vivenda debe ser central na acción de goberno e invitou a Rueda a “centrarse, poñer o traxe de presidente e poñer en marcha todas as accións necesarias”, dado que, ademais de levantar novas vivendas públicas, tamén é importante “regular adecuadamente o acceso ao aluguer, duplicar o bono xove, actuar sobre as vivendas baleiras e enfrontar de xeito decidido a rehabilitación”.

Todo iso, dixo, é indispensable para desenvolver unha política de vivenda “sostible” en liña coa proposta que o secretario xeral dos socialistas de Galicia lanzou ao inicio da lexislatura: un pacto para reverter unha situación que conduciu ao colapso do mercado, con 18.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública.

Chamou tamén ao presidente galego a deixar de “botar balóns fóra, de botarlle a culpa ao Goberno de España” de todos os problemas. “Máis acción e menos crítica improdutiva”, remarcou. “O que hai que facer é traballar, porque hai iniciativas e cartos, e hai impulso tamén por parte dun Goberno central que quere desenvolver nas comunidades autónomas un proxecto de vivenda adecuado aos compromisos con Europa”, sinalou, e engadiu que a Xunta debe enfrontar cuestións como as zonas tensionadas e a regulación das vivendas de uso turístico de forma “coordinada” cos concellos.

Nese senso, ve imprescindible unha normativa autonómica que facilite a cada municipio a toma de decisións en función da súa situación concreta e de acordo coas súas competencias. “Non se pode mirar para outro lado e non ser partícipe da solución dos problemas”, dixo en alusión á posición da Xunta sobre a cuestión das VUT.

Trump, Putin e o BNG, na mesma posición” sobre Ucraína

Por outra banda, a preguntas dos medios, Besteiro criticou o voto do BNG onte no Parlamento Europeo respecto da axuda a Ucraína. “Non entendo como se pode defender o dereito de soberanía de Palestina e non defender o mesmo para Ucraína”, dixo sobre a última votación na Eurocámara, na que os nacionalistas se abstiveron. “A este ritmo, Trump, Putin e o BNG van estar na mesma posición. É incomprensible e tamén inadmisible”, subliñou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario