O Museo do Pobo Galego e a asociación cultural Raia Creativa colaborarán na realización de Transfronteiriza, unha instalación expositiva da comunicadora, investigadora e creadora multidisciplinar Diana Gonçalves
A presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada, o director da entidade, Manuel Vilar, e a presidenta de Raia Creativa, a propia Diana Gonçalves, asinaron un convenio de colaboración para desenvolver este proxecto co que Gonçalves retoma a seu traballo de pesquisa e creación audiovisual arredor da fronteira Galicia-Norte de Portugal.
A historia máis recente e as memorias asociadas á pasaxe da fronteira serán novamente o punto de partida para un traballo de comunicación que dará a ver a fronteira dende novas perspectivas e cunha óptica transfronteiriza. Unha temática na que Gonçalves afondara xa en traballos anteriores, como o documental Mulleres da Raia (2009), e no que desta volta pescudará cun formato innovador, para seguir contando a relación entre os dous pobos e proxectándoa cara ao exterior.
Amais da súa compoñente artística, Transfronteiriza destaca polo forte compromiso social a través da participación cidadá e das comunidades implicadas, así como coa cultura local e a súa apertura cara a fóra. «Trátase dun proxecto que fomenta a relación e o traballo conxunto entre as institucións das dúas comunidades, galega e portuguesa, e promove a interrelación e a multiculturalidade», en palabras de Gonçalves. De feito, a instalación será itinerante entre Santiago de Compostela e Lisboa.
Transfronteiriza, que ten unha forte compoñente creativa e audiovisual, chegou ao Museo do Pobo Galego a través das propostas que acolle a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE. O festival apoiou e acompañou este proxecto desde as súas orixes, nunha aposta polo visual como medio de reflexión antropolóxica. «É un xeito de reforzar os vínculos coas xentes e institucións do norte de Portugal e unha maneira de recuperar as relacións que estableceran os etnógrafos clásicos, así como unha vía para achegarse á realidade social actual facendo uso dun método etnográfico, en diálogo con outras disciplinas», segundo manifestou o director da entidade, Manuel Vilar.
Raia Creativa é unha asociación de recente creación que aposta pola creatividade como motor de desenvolvemento e que reúne persoas de diferentes sectores con inquietudes culturais e comprometidas coas cuestións sociais de Galicia e Portugal. Amais de poñer en valor o patrimonio compartido, pretende activar ese patrimonio mediante solucións creativas e encarar novos desafíos culturais.