Os concelleiros do BNG en Becerreá Ovidio Montaña e Martín Gómez e a responsable local Sabela Pérez reuníronse cos deputados provinciais Efrén Castro e Iria Castro para abordar a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores da Deputación de Lugo na localidade.
Na xuntanza, constatáronse os avances nas últimas tarefas e procedementos a realizar para a apertura do CAM, como a conexión á rede de subministración eléctrica ou a redacción do proxecto de contratación do equipamento e a xestión de servizos.
Os representantes do BNG fixeron fincapé «na importancia da residencia pública para a veciñanza de Becerreá» e criticaron «o posicionamento do goberno municipal e do alcalde, que non aportan ningunha solución Nin agora, desde a súa responsabilidade municipal, nin antes, cando tamén tivo responsabilidades no goberno provincial». Neste sentido, lembraron «que o BNG xa puxo sobre a mesa un proxecto para a construción dunha residencia pública na lexislatura 2007-2011, o cal foi rexeitado polo rexedor Manuel Martínez
Efrén Castro e Iria Castro reafirmaron «o compromiso do goberno provincial coa apertura da residencia, que poñerá en marcha este servizo a pesar dos paus nas rodas que durante todo este tempo puxeron o alcalde de Becerreá e o Partido Popular que, en lugar de colaborar na axilización dos trámites que lles corresponden no concello e na Xunta de Galicia, levan meses instalados na confrontación».
Os deputados provinciais puxeron en valor «o esforzo económico e de xestión que a Deputación de Lugo está a realizar para construír, equipar e manter en funcionamento residencias públicas no rural, fronte ás políticas do Partido Popular na Xunta de Galicia, que só ve o envellecemento como unha oportunidade de negocio.