O Tenente Alcalde e a edil de Cultura mantiveron un encontro «para abordar colaboracións entre ambas institucións».
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro coa actual cónsul da República Arxentina en Galiza, onde abordaron a colaboración entre ambas institucións a levar a cabo nos vindeiros meses, especialemente desde a área de Cultura. A Tenencia de Alcaldía continuará a difundir as actividades que se organicen en Lugo para a comunidade arxentina do concello «e traballaremos na organización de novas actividades para difundir a cultura arxentina en Lugo», afirmou Arroxo.
Actualmente, residen en Lugo 127 persoas procedentes de Arxentina, xunto cun importante número de descendentes de persoas que volveron a Galiza da emigración, e que non contan como estranxeiros no padrón municipal. Rubén Arroxo destacou a importancia dos lazos que unen á poboación galega con Arxentina debido á emigración do século XX, «unha realidade á que como institución temos que atender debido ao importante peso da emigración na nosa historia recente».
A Tenencia de Alcaldía colabora tamén coas asociacións da comunidade arxentina da localidade. Rubén Arroxo lembrou que durante o 2023, coa celebración do 40 aniversario da volta da democracia a Arxentina, o Vello Cárcere foi o escenario dun ciclo de cine organizado pola asociación Rioplatenses de Lugo, onde se proxectaron 3 filmes que trataron distintos aspectos da dictadura, ou a colaboración do Concello no festival internacional de Tango TangoLíber, que se celebrou en Lugo entre o 11 e o 14 de xullo.