PSdeG Pobra do Brollón. Adxudicas as obras de construción do Centro de Atención a Maiores para o municipio

por Redacción Lugo

O Grupo Municipal Socialista da Pobra do Brollón valorou este sábado “moi positivamente” o anuncio que fixo a voceira socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, sobre a adxudicación das obras de construción do Centro de Atención a Maiores para o municipio por un importe de 2,3M€.

O voceiro municipal do PSdeG na Pobra do Brollón, Adolfo Rubio, sinalou que as boas relacións co Presidente da Deputación de Lugo e Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, foron “vitais” para conseguir dar este paso. Lembrou que a institución provincial modificou o convenio co Concello para incrementar a partida económica ata os 2,3M€, asumindo os máis de 700.000€ da suba dos prezos de mercado polo contexto económico derivado da guerra de Ucraína.

Explica o socialista que xa en marzo o Pleno provincial deu luz verde á modificación da contía e que, dende entón, “traballouse para darlle para diante a toda a maquinaria administrativa que é necesaria antes de comezar as obras na Avenida de Outeiro”. Rubio relata que “levábamos meses en conversas co Goberno da Deputación para avanzar neste proxecto tan necesario para os veciños e as veciñas deste concello” e asegura que “hai moitos meses que o Presidente da Deputación veu á Pobra a darnos a súa palabra de que o proxecto ía saír adiante a pesar dos atrancos, e cumpriu a súa palabra”.

Rubio recorda que as dúas empresas anteriores encargadas da construción da residencia non cumpriron co contrato asinado e que desde a Deputación víronse na obriga de volver a licitar as obras, que se adxudicaron onte.

O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón contará con 36 prazas e desde que comecen os traballos as obras terán un prazo de execución de 12 meses. “Desde o grupo municipal imos seguir de cerca este proxecto para que sexa unha realidade o antes posible”, asegura Rubio.

Características do centro
A residencia da Pobra do Brollón construirase nunha parcela situada a carón do centro de día do municipio. Será un edificio disposto en dous bloques compactos en forma de L en planta baixa, cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 m 2. Contará con catro áreas diferenciadas: a área residencial, a área de dirección e administración, a área de servizos xerais e a de atención especializada. Na área residencial atoparanse os dormitorios, as zonas de convivencia e espazos diáfanos. Na área de dirección e administración, que se atopará no recibidor de entrada, será onde estean os despachos e onde se reciban ás persoas de fóra do centro. Na área de servizos estará a cociña, o comedor, os corredores e o soportal exterior; e no semisoto ubicarase a lavandería e os locais de mantemento e seguridade. A cuarta área será a de atención especializada, onde se integrará o despacho médico, a sala de curas, dúas habitacións de enfermaría, e un baño asistido. A área de rehabilitación situarase nun local independente próximo a zona de recepción..

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario