A acción feminista do BNG comarcal volve a denunciar “as actitudes machistas e misóxinas” do alcalde de Muxía nos plenos

por 21 Noticias

“Hai liñas vermellas que non lle imos permitir que traspase”, sinalan as feministas do BNG, que consideran que as actitudes do rexedor “son do machirulismo máis rancio e máis propias dun representante da ultradereita que dun membro dun partido que se presenta como progresista e feminista”

O grupo de acción feminista do BNG da Costa da Morte volveu a denunciar “as actitudes machistas e misóxinas” do alcalde de Muxía no último pleno celebrado o 18 de xullo na localidade, no que o socialista Santiago Toba “ultrapasou de novo calquera límite realizando continuas manifestacións machistas dirixidas ás concelleiras da Corporación”. As feministas da formación nacionalista xa sinalaran o pasado mes de marzo que durante un pleno o rexedor muxián proferira “insultos machistas” contra a voceira do BNG, esixíndolle “desculpas públicas e urxentes”.

Desde o grupo feminista afirmaron que na última sesión plenaria, na presentación dunha moción sobre a formación de colonias de gatos, o alcalde dirixiu á concelleira do BNG o comentario: “Mercedes Barrientos Varela, vostede a puntiña nada máis”. Expresión que el mesmo cualificou de “un pouco vulgar”, e que as feministas do BNG consideran “vergonzosa, fóra de lugar, inaceptábel nos debates dun pleno e un exemplo máis do machismo que amosa o rexedor nas súas actuacións”.

A acción feminista do BNG advertiu a Santiago Toba que “hai liñas vermellas que non lle imos permitir que traspase”, e remarcou que “chama a atención que unha persoa que se ten definido como feminista amose de xeito continuado un comportamento absolutamente machista”. Consideran ademais que “este elenco de actitudes do machirulismo máis rancio, que xa ven amosando desde hai varios plenos, son inadmisíbeis e máis propias  dun representante da ultradereita que dun membro dun partido que se presenta como progresista e feminista”.

As feministas do BNG da Costa da Morte tamén denunciaron que “ante estas actuacións, a concelleira de Igualdade permaneu en todo momento impasíbel, sen amosar nin unha mínima actitude de solidariedade nin sororidade coas compañeiras de Corporación que estaban a ser agredidas; e non é a primeira vez”.

Foto. Alcalde de Muxía

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario