A 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico acolle homenaxes a Akira Toriyama e Xaquín Marín e suma a Fermin Muguruza entre os seus convidados

por Redacción A Coruña

Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converterase un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, a primeira baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo

A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O autor coruñés Manel Cráneo asume neste 2024 a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, que estiveron acompañados pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Rodríguez, e algunhas das autoras e autores galegos participantes.

Como novidade neste 2024, o programa de Viñetas desde o Atlántico presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola.

Manel Cráneo quixo destacar que, na súa 27ª edición «o Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, ademais dun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores». O director avanzou, tamén, que «disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas coas autorías convidadas en formato ‘Late Night Show’ que se desenvolverán no Teatro Colón».

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marín- súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves.

Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

PROGRAMACIÓN ESTRATÉXICA DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024

Viñetas Expo

A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións individuais e colectivas de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras. As temáticas sociais, a internacionalización —cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina— e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves da cita.

As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico reunirá a figuras como Genie Espinosa —autora do cartel desta edición da cita—, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo. O festival quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho. Pola súa banda, a exposición colectiva de autores e autoras galegas Toriyama en Galicia preséntase como un dos grande atractivos deste salón internacional do cómic da Coruña, que contará, ademais, cunha exposición dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, organizada pola Asociación Autobán, na que haberá un espazo para a lectura.

Viñetas Show A BD levada ao espectáculo de entretemento a través de actividades diarias no Teatro Colón: un ciclo de cinema baseado en obras de BD —no que se proxectarán Black is Beltza II: Ainhoa, de Fermin Muguruza, Tungsteno, adaptación da novela gráfica de Marcello Quintanilha, e os filmes para toda a familia Rebelión en la granja e Persélosis—, o show «Viñetas Late Night» con entrevistas aos convidados e convidadas de Viñetas 2024 (Fermin Muguruza, Susanna Martín, Genie Espinosa, Jorge Campos, Kundo Krunch, Lucas Varela, Yeyei Gómez, Marc Torices e Marcello Quintanilla) e un concerto ilustrado de Sangre de Muérdago, con Xulia Vicente e Sekone, en colaboración con Autobán.

Viñetas Rúa BD A parte comercial do Viñetas mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Este ano ábrese tamén unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.

Viñetas quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 24 editoriais (unha de Portugal), 10 librarías, 1 asociación profesional e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

No programa da Rúa da BD haberá firmas con máis de 60 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e dous espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.

No programa da Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que contará, tamén, coa presenza de autores como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba, etc.

Deste xeito, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas. Ademais, a Rúa da BD contará cunha nova carpa de actividades para acoller as presentacións, charlas e sinaturas e mais o concerto infantil de Chuches Amil, no marco de Viñetas Mini.

Viñetas Mini Trátase da sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas desde o Atlántico 2024, que reunirá contacómics, obradoiros e un concerto infantil. Esta sección concentrará, ademais, unha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix’ e outra de ‘Superthings’ nos Xardíns de Méndez Núñez, durante as horas de apertura da Rúa da BD.

Viñetas Ñam! Un festival gastronómico no que varios restaurantes locais dedicarán un prato da súa carta a personaxes e series de cómic. Esta novidosa sección inclúe, tamén, unha foodtruck que, durante a celebración da feira, estará situada na Rúa da BD, con cafés, bebidas e bocadillos dedicados ao mundo do cómic, en horario de 11.00 a 21.30h.

Viñetas Pro Esta sección engloba as actividades para profesionais e estudantes do sector. Concentrará obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais.

Viñetas Inclusivas Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico deseñou un plan de inclusión social, que integra lingua de signos no «Viñetas Late Night» no Teatro Colón e que se completará cunha semana de actividades destinadas a colectivos desfavorecidos no mes de setembro.

Viñetas desde a Escola É o plan para centros de ensino con obradoiros de iniciación ao cómic -que tiveron lugar na Coruña o pasado mes de maio- e visitas guiadas programadas no último trimestre do ano.

Viñetas BD Viñetas BD é a nova publicación do festival: un libro en formato cómic que substitúe ao tradicional catálogo para acercar a todos os públicos o programa do festival.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

Foto portada: © Vanessa Rabade

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario