Arroxo criticou que «coa declaración como iniciativa empresarial prioritaria por parte da Xunta, simplifícanse os trámites administrativos á empresa sen ter en conta a afección do proxecto ás veciñas e veciños» .
O BNG defenderá no pleno municipal do venres unha proposta para instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG presentou esta proposta como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumplise coa legalidade vixente. O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo ironizou coa proposta do PP, e afirmou que «obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumplir coa legalidade vixente», e explicou que «o problema é a afectación que esta planta vai ter na vida das veciñas e veciños da contorna».
«Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto». O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.
O proxecto que se está a valorar actualmente pola Xunta de Galiza localízase en solo rústico de protección forestal, e conta con núcleos de poboación a poucos metros. Arroxo afimou que «o BNG non está en contra dunha posible solución ao tratamento de resíduos orgánicos, como é a proposta que temos enriba da mesa, mais a Xunta ten que promover que estas iniciativas se executen nunha zona catalogada como solo industrial, onde se minimice a afectación ás vivendas».