SGHN: «Litio, estaño, wolframio e tantalio»

por Redacción Galicia

A SGHN presentou alegacións aos “proxectos de investigación a desenvolver nos permisos de investigación mineira” Novo Arboim (Oímbra), Novo Frixo (Laza, Sarreaus e Cualedro) e Novo Cima (Verín e Vilardevós), todos en Ourense. Nas alegacións SGHN ceñíuse estritamente ao que está a información pública que son os “traballos de recopilación de información, reconocimento xeológico de campo e tomas de mostras manuais” e non a futuribles proxectos de sondaxes, explotación ou procesamento dos metais, aos que SGHN irá alegando en cada caso segundo saian a información pública.

Dos tres proxectos, só o de Novo Cima axústase ao máximo ordinario de cuadrículas mineiras por permiso de investigación (15) previsto polo artigo 28.1.b da Lei 3/2008, mentres que son 27 cuadrículas en Novo Arboim e 85 en Novo Frixo sen que se xustifique suficientemente que se trata dun dos supostos excepcionais previstos na Lei. Ditas peticións excepcionais son aínda máis preocupantes porque nalgunhas das cuadrículas mineiras solicitadas se inclúen hábitats de conservación prioritaria na UE ou áreas de solo rústico de protección de augas.

Por outra banda, os permisos de investigación solicitado son para “Recursos da Sección C) , en especial Litio, Estaño, Wolframio e Tántalo” e o solicitante contempla analizar as mostras “para diferentes elementos metálicos (Sn, W, Ta, Nb, Li e outros)” sen que se poida saber cales serían os “outros” elementos. Ao respecto compre salientar que con certa frecuencia aparecen torio e/ou outros elementos radioactivos asociados a algúns dos minerais que se pretenden investigar (por ex. tantalita e casiterita).

Solicitudes de SGHN

  • Que se reduza o número de cuadrículas mineiras ao máximo de quince previsto para supostos non excepcionais na Lei 3/2008.
  • Que, no caso de ser aprobado, se exclúan explicitamente do permiso de investigación as superficies das cuadrículas mineiras:
    • Incluídas en espazos naturais protexidos por instrumentos autonómicos, estatais ou internacionais.
    • Con presencia de hábitats de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE) e/ou de especies incluídas no catálogos español (Real Decreto 139/2011) ou galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007).
    • Catalogadas como solo rústico de especial protección de augas e/ou de protección agropecuaria.
    • Incluídas no inventario de zonas húmidas de Galicia.
    • Incluída nos perímetros de protección de elementos do patrimonio cultural.
  • Que, no caso de ser aprobado o permiso de investigación, se impoña ao solicitante a obriga de avaliar a presenza de torio e/ou outros elementos radioactivos en TODAS as mostras recollidas durante a investigación.
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario