No acto conmemorativo do Día de Galicia, celebrado como xa é tradición para o socialismo galego xunto ao busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Rianxo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, invitou a ver Galicia “con optimismo e sen limitacións”. A cerimonia, “un acto sinxelo pero fondo no seu contido”, contou coa presenza de alcaldes, concelleiros e outros cargos socialistas, ademáis de representantes da sociedade civil e numerosos cidadáns comprometidos co futuro do país.
Tras a ofrenda floral ao pé da estatua do intelectual galego, e dos descursos do secretario xeral da Agrupación Socialista de Rianxo, Óscar Rial, e da concelleira Tamara García, Besteiro comezou a súa intervención con palabras para as vítimas do naufraxio do pesqueiro Argos Georgia en augas das illas Malvinas e pediu que se gardase un minuto de silencio na súa memoria.
Logo da homenaxe aos mariñeiros falecidos, o secretario xeral recordou a Castelao, “a quen Galicia tanto debe e quen mantivo acesa a luz dunha Galicia esperanzada incluso nos momentos máis escuros”. Animou tamén a que a súa figura “sirva de lembranza a todos os homes e as muilleres que foron Galicia canto estaban fóra de Galicia”.
O líder socialista detívose na realidade da emigración, “que tivo que deixar lonxe a súa terra, pero nunca o seu país”, porque, asegurou, “Galicia é unha maneira de estar no mundo, e cun pouco máis de Galicia no mundo, o mundo sería un lugar algo mellor”.
Sinalou que, “como pobo emigrante”, os galego coñecen “o drama” de abandonar a terra propia, “e por iso entendemos a emerxencia humanitaria dos que nestes días chegan aquí despois de escapar da fame, a guerra ou a miseria extrema”. Por iso criticou a “quen quere usar os dramas humanitarios como ferramenta de confrontación”.
Besteiro apelou a unha Galicia “ampla, aberta e sensata”, afastada da “redución simple e vitimista que algúns esbozan permanentemente” para entender que o galeguismo, como “maior expresión de querer convivir á nosa maneira, non pode ser unicamente simbólico nin tampouco excluínte”.
O secretario xeral do PSdeG explicou que entende Galicia como un lugar privilexiado e “unha oportunidade de ser sempre mellores”, como o demostra que a comunidade é referencia “en terreos diversos do progreso”. Citou, por exemplo, a implantación na Coruña da AESIA, a axencia que supervisará a intelixencia artificial; a posición de Galicia como “potencia pesqueira”, motivo polo que a Axencia Europea da Pesca se atopa en Vigo, e contar con marcas líderes na automoción, no téxtil ou no sector agrogandeiro. A todo iso uniu “un enorme potencial para converternos nun dos maiores produtores de enerxía limpa e sostible de Europa”, o pulo das industrias culturais galegas, unha gastronomía de vangarda ou o desenvolvemento do sector vitivinícola. “Galicia é unha historia de éxito. É imprescindible crer nisto”, sentenciou.
Sinalou, Besteiro, o obstáculo que representa “un Goberno autonómico que utiliza a Galicia, pero non cre nela”, e que “vive mellor inventando rivalidades inexistentes que traballando por transformar os problemas e retos en oportunidades”.
Nese senso, subliñou que “todo o que hoxe funciona podería funcionar aínda mellor”, porque mentres España lidera o crecemento económico en Europa, “Galicia non se aproveita e medra un 30 % menos” e padece a maior inflación do Estado. Ademais, “mentres os centros de saúde pechan, o conselleiro vai rindo polos medios de comunicación”; mentres moitas familias e xente nova teñen dificultades para acceder a unha vivenda, “Rueda vai de festa en festa sen parar”, e mentres moitas persoas non chegan a fin de mes, a Xunta “vailles subir o recibo do lixo por non querer ser medioambientalmente sostible”.
Besteiro. O galeguismo “debe ser un camiño e non unha mera etiqueta”
José Ramón Gómez Besteiro explicou que, para os socialistas, o galeguismo “debe ser un camiño e non unha mera etiqueta”, pelexando por unha política forte “que xere un feito diferencial galego” e que proporcione influencia. “A utilidade do galeguismo non está en ver quen leva a bandeira máis grande, senón en pular por cuestións que nos fan a vida mellor”, indicou.
Dixo lembrar “con orgullo e emoción” o momento no que defendeu no Congreso o uso do galego, como símbolo “dunha Galicia aberta ao mundo, que pretende ir máis alá e non quedar ensimismada en visións encorsetadas e pechadas”. Nesa liña, cualificou de “pobre e triste” concibir Galicia como un país “con muros”, no que se reparten “carnés para entrar”. “Galicia non é propiedade de niguén. Somos galegos e galegas, pero Galicia non é nosa”, defendeu.
O secretario xeral do PSdeG concluíu a súa intervención animando a crer “na Galicia de éxito”, pero tamén no “inconformismo dos que saben que a nosa historia se escribiu dende a idea máis revolucionaria de todas: a sensatez”.
“Sen deixarse levar segundo vaia o vento, os socialistas estamos e estaremos decididos a facer deste país un lugar máis próxpero, unha terra con todas as oportunidades e onde sexamos cada día un chisco máis equitativos, un lugar onde construír un futuro, un país que non se conforme, unha Galicia mellor”, finalizou.