A corporación aprobou por unanimidade a proposta do BNG reclamando á Xunta a paralización da planta de biometano proxectada en Lugo, mentres que o PP se abstivo nunha proposta reclamando que o SERGAS garanta o dereito ao aborto no Hospital Público de Lugo.
As dúas proposicións presentadas polo BNG ao pleno municipal foron aprobadas pola corporación municipal. Os edís do BNG defenderon a paralización por parte da Xunta do proxecto de planta de Biometanización proxectado en Coeses, xunto cunha proposta para que o SERGAS garanta o dereito ao aborto no Hospital Público de Lugo, presentada despois de facerse público que unha veciña de Lugo tivo que desprazarse ata unha clínica privada de Vigo para poder abortar. A proposición relativa á planta de biometano foi aprobada por unanimidade por parte da corporación municipal, mentres que a relativa ao dereito ao aborto foi aprobada, mais coa abstención do Partido Popular.
O pleno municipal aprobou instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG presentou esta proposta como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumplise coa legalidade vixente. O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo ironizou coa proposta do PP, e afirmou que «obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumplir coa legalidade vixente», e explicou que «o problema é a afectación que esta planta vai ter na vida das veciñas e veciños da contorna».
«Este proxecto producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto». O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.
Arroxo destacou que desde un primeiro momento, o BNG apoiou ás veciñas e veciños afectados por este proxecto, colaborando tanto nas mobilizacións como na recollida de centos de alegacións presentadas ao longo do prazo establecido pola Xunta de Galiza. O portavoz do BNG criticou que «a declaración deste proxecto como iniciativa empresarial prioritaria supón unha alfombra vermella posta pola Xunta para que esta empresa poida executar o seu proxecto reducindo os trámites administrativos e sen ter en conta a afección que esta planta poida producir ás veciñas e veciños»
O proxecto que se está a valorar actualmente pola Xunta de Galiza localízase en solo rústico de protección forestal, e conta con núcleos de poboación a poucos metros. Arroxo afimou que «o BNG non está en contra dunha posible solución ao tratamento de resíduos orgánicos, como é a proposta que temos enriba da mesa, mais a Xunta ten que promover que estas iniciativas se executen nunha zona catalogada como solo industrial, onde se minimice a afectación ás vivendas».
Sobre o dereito ao aborto, o BNG acadou o consenso no Parlamento de Galiza para que se garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública, mais os datos publicados din que a Xunta non está a cumprir coa súa obriga. A Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Sanidade, deixou en mans privadas o exercicio do dereito ao aborto das mulleres de Lugo naqueles casos en que se practica a interrupción do embarazo a través dun procedemento cirúrxico. Até o de agora as derivacións para embarazos a partir das 8 semanas realizábanse a unha clínica situada na cidade da Coruña mais, unha vez finalizado o concerto con este centro as mulleres son obrigadas a desprazarse até a cidade de Vigo, a máis de 200 quilómetros.
Durante o debate no pleno, a edil do BNG Maite Ferreiro afirmou que «as intervencións da portavoz do PP deixan claro que a Xunta seguirá derivando os abortos instrumentais fóra de Lugo». A proposta do BNG, aprobada coa abstención do PP, reclama ao goberno da Xunta de Galiza acabar cos desprazamentos de mulleres luguesas a unha clínica privada nos abortos instrumentais. Para tal fin, o BNG reclama á Xunta de Galiza que dote dos recursos necesarios o HULA «para que ningunha muller teña que acudir á sanidade privada nin a centros fóra da provincia».
«A Xunta está a vulnerar os dereitos das mulleres ao non prestar na sanidade pública con medios propios este servizo, a discriminación é aínda maior se temos en conta o prexuízo que causa ter que cruzar o País de punta a punta», explicou Maite Ferreiro. No ano 2021 o BNG conseguiu o acordo unánime do Parlamento Galego para que a Xunta de Galiza garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública dispoñendo os medios materiais e humanos necesarios para tal fin independentemente da existencia de persoal sanitario que se declare obxector de conciencia. Malia isto, os últimos datos oficiais publicados polo Ministerio de Sanidade, correspondentes a 2022, demostran que a Xunta non está cumprindo: dos 2.975 abortos levados a cabo, só 561 foron atendidos en hospitais e deles tan só 513 en hospitais públicos. Pola contra, dos 2.414 abortos extrahospitalarios, 1.677 foron en centros privados.