O portavoz, Antonio Ameijide, sinala que “o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os Concellos na actualidade e, previsiblemente, nos vindeiros anos”.
O Grupo Provincial do Partido Popular propón que a Deputación de Lugo desenvolva un plan de apoio aos Concellos da provincia para a xestión do ciclo da auga. Para iso, piden ao PSOE e ao BNG que apoien esta proposta que pretende “cooperar cos Concellos e beneficiar a tódolos lucenses garantindo o abastecemento de auga de calidade e o correcto tratamento de augas residuais”.
O portavoz, Antonio Ameijide, sinala que “o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar os Concellos na actualidade e, previsiblemente, nos vindeiros anos”. Así mesmo, subliña que, “como levamos moito tempo dicindo dende o Partido Popular: a auga é cada vez un ben máis escaso e por iso temos que usalo de forma responsable”.
A escaseza de auga, a renovación e modernización das infraestruturas hidráulicas ou as esixencias normativas en materia de control de calidade e en relación á xestión das augas residuais son algúns dos aspectos que deben atender dende os Concellos e que requiren importantes recursos técnicos e económicos. De feito, “ter que garantir e manter tanto a captación, coma o abastecemento e, incluso, o tratamento tanto da auga dirixida ao consumo humano e animal coma das augas residuais supón un importante esforzo para as arcas municipais.
É por iso polo que os populares cren que “as distintas administracións se debenimplicar na xestión do ciclo da auga: os Concellos, a Xunta que xa o está a facer e as deputacións provinciais. Pero no caso da Deputación de Lugo pasa olimpicamente de implicarse” a pesar de que, por lei, “ten a responsabilidade de axudar aos Concellos máis pequenos”.
De feito, segundo o artigo 36.1 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local é competencia propia da Deputación coordinar servizos municipais para garantir a prestación integral e na totalidade do territorio provincial os servizos de competencia municipal e a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión. E, de forma máis concreta, o artigo 26.2.b) sinala que nos municipios con poboación inferior a 20.000 habitantes será a Deputación Provincial a que coordinará os servizos de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais.
Ameijide engade que “mentres que a Deputación Provincial de Ourense cumpriu coa súa obriga de colaborar cos Concellos ao impulsar unha solicitude conxunta á primeira convocatoria de subvencións para proxectos de mellora da eficiencia do ciclo d auga no marco das axudas do PERTE para a dixitalización do ciclo da auga da que resultaron beneficiados 79 Concellos ourensáns, a Deputación de Lugo puido ter organizado tamén unha estratexia conxunta e asesorar aos 67 Concellos da provincia, pero non o fixo”. A práctica totalidade dos Concellos da provincia de Lugo -excepto dous- quedaron fóra destas axudas.
PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR
A proposta do Partido Popular inclúe asesoramento técnico, coordinación para impulsar de forma conxunta -naqueles casos que así o desexen- proxectos para presentar ás convocatorias de axudas para a mellora do ciclo da auga, apoio económico a tódolos Concellos para investimentos en obras destinadas ao abastecemento, saneamento e mellora do ciclo da auga cunha partida nos orzamentos da Deputación de Lugo de, polo menos, 3 millóns de euros ao ano e unha mesa de coordinación integrada por persoal técnico, representantes dos distintos grupos da corporación provincial e os alcaldes ou representantes municipais en quen deleguen.
SEMANAS SEN AUGA DA TRAÍDA O VERÁN PASADO EN FOZ
O portavoz sinala que o verán pasado Foz pasou semanas sen auga da traída municipal cos conseguintes prexuízos causados aos veciños e aos locais de hostalería en plena temporada alta.
Naquel momento xa pediamos que a Deputación de Lugo se implicase cos Concellos que teñen problemas co abastecemento de auga potable; pero un ano despois “nin o Concello nin a Deputación fixeron nada”.