O responsábel comarcal, Xurxo Rodríguez, sinalou que “non imos permitir que se traspasen as liñas do que debe ser a contenda política, con descalificacións continuas e alusións veladas e malintencionadas”
O BNG da Costa da Morte, a través do seu responsábel comarcal, Xurxo Rodríguez, vén de amosar o seu “total apoio” á voceira nacionalista en Muxía, Mercé Barrientos, ante os ataques “de índole persoal que vén sufrindo reiteradamente por parte do alcalde muxián nos plenos”.
O grupo de acción feminista do BNG comarcal denunciou a semana pasada “as actitudes machistas e misóxinas” do rexedor na última sesión plenaria celebrada o 18 de xullo, no que Santiago Toba “ultrapasou de novo calquera límite realizando manifestacións machistas contra a concelleira Mercé Barrientos”.
Xurxo Rodríguez manifestou que “en política pódese discrepar, pero non teñen cabida os insultos e os ataques persoais e despectivos”, e deixou claro o apoio da formación nacionalista á edil muxiá. “Desde o BNG comarcal expresamos o noso total respaldo a Mercé Barrientos e non imos permitir que se traspasen as liñas do que debe ser a contenda política, con descalificacións continuas e alusións veladas e malintencionadas”, declarou Rodríguez.
O responsábel da organización frentista lembrou que o que está acontecendo na vida política en Muxía “non se da en ningún concello da Costa da Morte”, e subliñou que as actitudes e expresións do alcalde Santiago Toba “son públicas e calquera pode velos nas redes sociais”.