Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno do martes unha iniciativa para que a corporación provincial se pronuncie e esixa ao Goberno de Pedro Sánchez un trato “igualitario para todos os españois, rexeitando privilexiar a unhas comunidades fronte a outras”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que tralas decisións que está a tomar Pedro Sánchez “de privilexiar” a Cataluña por enriba das 16 comunidades restantes “vemos moi necesario reafirmar o compromiso co principio de igualdade entre todos os españois recollido na Constitución, garantindo que ningunha disposición lexislativa inclúa cláusulas ou disposicións que favorezan a unha comunidade autónoma sobre outras”.
Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular ven “fundamental” impulsar un diálogo construtivo e solidario no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira entre todas as comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas para abordar a reforma do sistema de financiamento autonómico buscando un reparto equitativo e xusto dos recursos para alcanzar o necesario equilibrio interterritorial e garantir que todos os españois accedan en condicións de igualdade aos servizos públicos con independencia do territorio no que residan.
Recorda Antonio Ameijide que a propia Constitución recolle no seu artigo 2 a “indisoluble unidade da Nación española, recoñecendo e garantindo o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas”.
“Queda claro que Pedro Sánchez está a ignorar a Constitución no seu afán de perpetuarse na Moncloa” xa que “é consciente de que precisas os votos dos independentistas cataláns” motivo polo que impulsou e aprobou normas como a Lei de Amnistía, unha lexislación que “quebra o principio de igualdade entre todos os españois independentemente do lugar no que vivan”.
No caso de manter este trato “preferencial” para Cataluña en materia económica esta comunidade autónoma podería deixar de contribuír á solidariedade interterritorial e non participaría dos mecanismos de nivelación que utiliza o Estado para repartir os recursos fiscais entre todas as rexións.
“Esta chantaxe continua á que os independentistas someten ao actual Goberno de España xera unha enorme inseguridade xurídica que escorrenta investimentos e proxectos empresariais, fainos menos competitivos como país e prexudica a todos os territorios do noso país”, afirmou.