Este martes subscribiuse o acordo que permitirá actuar sobre as parcelas dos antigos asteleiros Valiña, así como nos núcleos poboacionais das Xubias de Arriba e As Xubias de Abaixo.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este martes a sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se deu luz verde ao convenio para a rexeneración urbana das Xubias, un plan de colaboración público-privada mediante o que o Concello da Coruña busca activar a rehabilitación da fachada marítima coruñesa cara á ría do Burgo, da man de David Chipperfield Architects e o fondo de inversión Ginkgo Advisor.
A subscrición do convenio formalizouse hoxe ao mediodía no Palacio Municipal de María Pita, e posibilitará as futuras intervencións nas parcelas dos antigos asteleiros Valiña -a carón do hospital marítimo de Oza e a escasos metros da praia- así como en diversas superficies e ámbitos residenciais que xa son propiedade de Ginkgo Advisor nos núcleos poboacionais das Xubias de Arriba e As Xubias de Abaixo.
Unha das iniciativas máis destacadas no plan de intervención integral sobre As Xubias será a ampliación da senda peonil que remata na praia de Oza. Isto permitirá, a medio prazo, conectala co paseo marítimo da ría do Burgo aproveitando os espazos dispoñibles no bordo litoral, respectando ao máximo a orografía da paisaxe.
Ademais dos desenvolvementos residenciais, máis espazos públicos para a cidadanía
O convenio urbanístico para a rehabilitación das Xubias estipula, ademais, desenvolvementos residenciais nas parcelas que anteriormente acollían os almacéns e asteleiros de Valiña. Tamén prevé a relocalización do equipamento deportivo de Valiña preto da praia de Oza, asociado aos novos espazos públicos que haberá na zona. Neste sentido, está sobre a mesa a posibilidade de instalar un ascensor panorámico ou unhas ramplas mecánicas para garantir a accesibilidade desde As Xubias de Arriba. Precisamente aquí, nas Xubias de Arriba, tamén está a prevista a rehabilitación das antigas casas do núcleo, tamén para futuros usos residenciais.
Cómpre destacar que o convenio estipula entre os seus obxectivos a integración de futuras vivendas de protección oficial entre as vivendas destinadas á venda libre, xerando unha maior complexidade en canto aos usos.
Ademais, xa se está a traballar na adquisición dun importante ben patrimonial como é o caso do Pazo Guyatt, así como os seus xardíns. A súa obtención municipal permitiría que esta área verde esté aberta ao uso e gozo da cidadanía, coa creación dun gran parque público.
A recuperación das vivendas mariñeiras nas Xubias de Abaixo
Entre os obxectivos que estipula o convenio urbanístico entre o Concello e Ginkgo Advisor tamén se atende á realidade actual das vivendas mariñeiras do núcleo das Xubias de Abaixo, inmobles de carácter singular que representan a historia e evolución do lugar. Neste sentido, buscarase fomentar a rehabilitación e a ocupación das vivendas baleiras ou en desuso, así como a rehabilitación ou substitución daquelas que se atopan en ruínas, recuperando a súa tipoloxía.
A este respecto, unha Comisión integrada por dous representantes do Concello e outros dous da entidade mercantil que representa a Ginkgo Advisor daralle seguimento aos compromisos asumidos nos catro anos de vixencia que terá o convenio, susceptible de prórroga por outros tantos.
O proxecto estará dirixido polo Concello e da man de Ginkgo Advisor e David Chipperfield Architects, xunto a un equipo de arquitectos coruñeses. Cómpre lembrar que o estudio internacional David Chipperfield Architects foi fundado en 1985 polo prestixioso arquitecto inglés, membro da Royal Academy of Arts e gañador do premio Pritzker o ano pasado.