O secretario xeral do PSdeG analizou con representantes da Asociación Forestal de Galicia e a Confederación de Organizacións de Silvicultores de España a situación do sector e retos como o relevo xeracional, o desenvolvemento dunha industria de transformación ou medidas para o agrupamento de parcelas.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrou hoxe a súa preocupación pola situación do forestal en Galicia, cuxa mellora “podería incrementar un punto o produto interior bruto” da comunidade. Fronte ás potencialidades do sector, existe unha “mala xestión” por parte da Administración, especialmente no que se refire á falta de incentivos fiscais, asegurou.
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista e as deputadas Lara Méndez e Carmen Rodríguez Dacosta reuníronse esta mañá na Cámara con representantes da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e da Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE), entre eles o presidente da AFG e vicepresidente da COSE, Antonio Rigueiro; o vicepresiente da AFG, Francisco Dans, e o director económico da AFG, Daniel Rodríguez. O encontro serviu para analizar un documento de propostas sobre fiscalidade para o sector forestal no que participaron organizacións sectoriais a nivel nacional xunto con propietarios, entidades de certificación e colectivos ecoloxistas como WWF ou Greenpeace.
Besteiro recordou que Galicia é “unha verdadeira potencia no forestal”, xa que concentra o 50 % da produción de España. Iso situaríaa como “o sexto país da Unión Europea” en canto a tala de árbores, pero sinalou que o seu “hándicap” é a transformación. “Talamos moita madeira, pero non a transformamos”, insistiu sobre “unha asignatura pendente que a xestión do PP nos últimos 15 anos non foi capaz de enfrontar”.
Por ese motivo, entre outras medidas, o Partido Socialista “aposta por incentivos fiscais” que deben favorecer a mellora da xestión para que sexa sustentable e máis rendible, ademais de contribuír a combater a falta de relevo xeracional nas explotacións, o despoboamento do rural e o avellentamento da poboación.
Algunhas das propostas do sector, sobre as que incidiu José Ramón Gómez Besteiro son un plan sectorial contable específico, beneficios fiscais en torno ao 20 % para os montes que se xestionen de acordo cun protocolo de sustentabilidade e incentivos á agrupación voluntaria de parcelas para reducir o minifundismo, que tamén afecta ao bosque.
Conferencia de presidentes
O secretario xeral tamén se pronunciou, a preguntas dos medios, sobre a ameaza de Alfonso Rueda de levar aos tribunais a convocatoria da Conferencia de Presidentes autonómicos. Besteiro sinalou a contradición de que Mariano Rajoy convocou a Conferencia dúas veces durante os sete anos que gobernou, mentres Pedro Sánchez o fixo en seis ocasións nun período similar, “sen contar as 14 que houbo durante a pandemia”.
As cifras, dixo, “non admiten lugar a dúbidas”, polo que Rueda só pretende avivar “a polémica na que está metido, de que os problemas están no exterior”.
Finaciamento singular
Tamén a preguntas dos medios de comunicación, Besteiro subliñou que “se Galicia está reclamanto un financiamento singular, baseado en criterios como o avellentamento ou a dispersión da poboación, non podemos discutir o que nós estamos reclamando”. Inscribiu, ademais, esa consideración dentro “da solidariedade e da igualdade, que non está en tela de xuízo, entre outras cousas, non porque o diga o presidente do Goberno, senón porque o garante a Constitución”.
Por ese motivo, recomendoulle ao presidente Rueda “que se preocupe máis do que queremos reclamar dende Galicia e menos do que lle dicta Feijoo dende Madrid por intereses exclusivamente de Madrid”. Nese senso, sinalou que a discusión obedece a que hay dous interesados en que Salvador Illa non sexa presidente: PP e Junts, que “coinciden unha vez máis”.
Besteiro recordou tamén que o PP, no 2012 e no 2016, cando obedecía aos seus intereses, si defendía a singularidade no financiamento. “Non veñamos agora dicindo o contrario, porque entón, non sabemos que intereses estamos defendendo”, criticou para advertir que o presidente da Xunta “ten que defender os intereses de Galicia e por iso debe dicir se está a favor ou non dun financiamento autonómico que teña en conta esas singularidades que existen no noso territorio e non noutros”.