Os concelleiros populares de Burela presentan ao pleno deste xoves unha iniciativa dirixida a incrementar o plantel de persoal da Policía Local ante “as necesidades que se levan apreciado no último ano: casos violentos, actos vandálicos, etc.”.
O portavoz, Manuel Rouco, lembra que se trata dunha proposta “similar á que defendemos no anterior mandato e que foi rexeitada polo goberno socialista”. Agardamos que, nesta ocasión, a alcaldesa sexa sensible coa seguridade cidadá porque “as demandas veciñais son claras neste sentido”, incide.
Os populares explican que “todas as asociacións e veciños consultados reclaman que se cubran todas as quendas da Policía Local (mañá, tarde e noite) e que haxa patrullas. “Se ben, ao mellor, non poden impedir certos delitos ou actos violentos; a súa presenza pode aportar carácter disuasorio”.