Unha vez que se confirma que o Concello recibirá os cartos resultantes da venda do piso de Madrid pertencente á herdanza de José Sánchez Arias, o Partido Popular de Sarria retoma a proposta de destinalos á compra da Torre do Batallón e os elementos do seu conxunto. Xa no 2015 o Pleno aprobara destinar os cartos á adquisición deste “emblema sarriao que ofrece importantes oportunidades dende o punto de vista patrimonial, cultural e tamén como atractivo turístico”, segundo subliña a portavoz, Carmen José López.
A popular considera que “coa devolución do importe abonado pola Feculera, actualmente o Concello e a veciñanza de Sarria volven ter unha oportunidade histórica para facerse co conxunto” que inclúe a torre, a finca e a casa e “é un símbolo para o municipio e para toda a comarca, un ben representativo na historia de Sarria e unha paraxe destacada pola súa ubicación que debe poñerse ao servizo e desfrute da veciñanza e potenciarse como activo patrimonial e turístico de Sarria”.
“A súa adquisición suporía satisfacer, por fin, esta aspiración histórica no municipio e cumpriría cos requisitos establecidos por Manuel Sobrado no seu testamento”. De feito, o doante estableceu no seu testamento que a herdanza debía destinarse a fins benéficos ou culturais. “Este complexo, claramente, estaría en condicións de cumprir finalidades culturais xa que toda a contorna ten un valor patrimonial indubidable e ofrece moitas posibilidades en canto ao seu destino cultural”.
O Partido Popular leva anos defendendo que este conxunto debe ser de titularidade municipal, tal e como se puxo de manifesto no seu día co inicio dun procedemento de expropiación no ano 2015 que foi posteriormente frustrado polo cambio do goberno municipal.