Ana Miranda traslada á Comisión Europea a reforma da Lei de Medios que quere aplicar o PP en Galiza

por 21 Noticias

A eurodeputada do BNG denuncia o incumprimento do Regulamento Europeo de Medios de Comunicación na CRTVG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de enviar unha pregunta á Comisión Europea sobre a reforma da lei de medios que quere levar a cabo o goberno galego do Partido Popular e que ao seu xuízo supón un “incumprimento do Regulamento Europeo sobre a liberdade dos medios de comunicación”, en tanto que pretende facerse co control absoluto da televisión e a radio públicas de Galiza, eliminar os órganos de participación das profesionais e abrir a porta ao emprego de linguas distintas do galego nos medios públicos galegos.

Na súa pregunta, a eurodeputada galega reclama que a Comisión Europea verifique se se cumpre o Regulamento Europeo de Medios de Comunicación, recentemente aprobado. Segundo explica Ana Miranda, neste Regulamento pídense medios de comunicación independentes que garantan a liberdade e o pluralismo “cousa que non está pasando na televisión nin na radio públicas galegas”.

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque sinala que son múltiples as inxerencias do PP nos medios públicos galegos, así como a falta de pluralidade -denunciados nas máis de 320 semanas de protestas que leva a cabo o colectivo Defende a Galega-. Precisamente o Regulamento Europeo de Liberdade dos Medios de Comunicación establece un marco común para os servizos de medios de comunicación na UE, que introduce medidas destinadas a protexer aos periodistas e garantir o pluralismo e a independencia dos medios de comunicación das inxerencias políticas.

Vulneración da Carta de Linguas Minorizadas

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque sinala que no documento tamén fai referencia á vulneración da Carta Europea de Linguas Minorizadas ao contemplar a posibilidade de introducir outras linguas distintas ao galego cando precisamente a normativa galega contempla que sexa o galego a lingua de uso nos medios públicos galegos. Ao respecto, Ana Miranda expresa o compromiso do BNG a seguir denunciando no Parlamento Europeo estas vulneracións das normativas europeas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario