A actuación das veteranas formacións comezará ás 22.00 horas.
As Festas de María Pita continuarán este venres 2 de agosto cunha dobre actuación nas Noites de María Pita. As formacións protagonistas serán Mocedades e Los Panchos, que amosarán á cidade a súa veteranía sobre os escenarios e os numerosos éxitos colleitados durante décadas. O Goberno de Inés Rey promove coa programación das Noites de María Pita actuacións para todas as idades e públicos durante nove xornadas.
No caso de Mocedades, a formación fundada polas irmás Uranga e da que se mantén da formación orixinal Izaskun Uranga, atópanse en pleno desenvolvemento da súa xira Peregrina, na que están actuando, ademais de España, en países como México. Tras 57 anos de carreira musical, Mocedades interpretarán na praza de María Pita grandes éxitos como ‘Eres tú’, catalogada como unha das mellores cancións do festival de Eurovisión.
Xunto á formación de Bilbao estará sobre o escenario Rafael Basurto, a última voz de Los Panchos, que se atopa de xira conmemorando o 75 aniversario da formación. Los Panchos son un dos grandes conxuntos musicais de México e referentes do bolero e a balada romántica. A actuación, na que no faltarán colaboracións conxuntas, comezará ás 22.00 horas.
Noites de María Pita
- 3 de agosto: Los Planetas – 22.00 horas
- 4 de agosto: Rock en Familia – 20.00 horas
- 5 de agosto: Omar Montes – 22.00 horas
- 6 de agosto: Locos por la Música – 20.30 horas
- 12 de agosto: La Plazuela – 22.00 horas
- 13 de agosto: Ariel Rot – 22.00 horas
- 14 de agosto: Budiño – 22.00 horas