Inés Rey confirmou a presenza da Coruña no Festival Intercéltico de Lorient para “promocionar á cidade e ás súas entidades culturais”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá no parque de Santa Margarida a nova edición da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará do xoves 29 de agosto ao domingo 1 de setembro. A rexedora quixo mostrarlle o cartel do evento ás asociacións culturais que participan e colaboran co Concello nesta celebración.
Inés Rey, ademais, confirmou que A Coruña estará presente no Festival Intercéltico de Lorient para «promocionar a cidade e ás súas entidades culturais». O Concello disporá do 12 ao 18 de agosto dun posto propio no que se levarán a cabo diferentes actividades que serán anunciadas proximamente. «A música e o baile tradicional ocupan un lugar moi especial das nosas festas coa Romaría e van máis alá con iniciativas coma esta, que levará ao evento de folclore celta máis importante do mundo a nosa historia e cultura», sinalou Inés Rey.
A Romaría de Santa Margarida amplíase este ano a catro días, comezando o xoves 28 cunha actuación especial de Rodrigo Cuevas. Será ás 21.00 horas no anfiteatro e as entradas xa están á venda a través de Ataquilla. Abrirá o concerto Pansenfron. Ademais, o venres tamén haberá novidades cunha actuación dobre especial no Planetario da Casa das Ciencias de Trilitrate, na que se mesturará música folk e imaxes que aproveitarán o novo sistema visual deste espazo. As entradas están á venda na páxina web dos Museos Científicos.
O venres tamén será a tradicional Gran Noite do Folclore, que contará con Donaire, Xacarandaina e Son D’Aquí. Tamén actuará a compañía de danza Óscar Cobos co seu espectáculo Bailador.
O sábado desenvolverase durante todo o día na explanada da Casa das Ciencias o Espazo Participativo, con obradoiros para distintos niveis e idades, unha mostra de entidades da cidade e unha mostra de artesanía musical. Tamén haberá unha actuación de Maghúa. Pola noite actuarán no anfiteatro De Ninghures, Tiruleque e Xurxo Fernandes.
Por último, o domingo ás 12.00 horas na explanada da Casa das Ciencias celebrarase o tradicional concerto da Banda Municipal de Música da Coruña, que actuará xunto con Cántigas da Terra. Durante a xornada haberá actuacións de Pesdelán, Espadana e Caldo e a xornada rematará no anfiteatro con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Fetén fetén e Startijenn.
Inés Rey estivo acompañada na presentación da programación da Romaría de Santa Margarida polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto Antonio Prado, coordinador da programación, Pablo Seoane, delegado galego do Festival Intercéltico de Lorient, Fernando Román e José Vázquez, de Tiruleque e Xurxo Fernandes. Por parte das entidades estiveron Bea Mariño (Donaire), Luís Bolón (Cántigas da Terra), Davide Leira (Maghúa), Mar Vaamonde (Son d’aquí), Manuel Viqueira (Espadana), Atocha Ramos (Pansenfron) e Daniel García (Xacarandaina).