A creación deste grupo de traballo responde ao que establecen tanto a estratexia nacional deseñada para facer fronte a esta especie como ao documento guía trasladado recentemente pola Administración central ás comunidades autónomas para a elaboración dos plans de xestión da súa biomasa.
As directoras xerais de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantiveron hoxe un encontro de traballo para definir a composición do comité de asesoramento que se encargará do estudo da presenza nas costas galegas da alga invasora Rugulopteryx okamurae. A intención é que nese grupo técnico haxa algún integrante do Goberno central, polo que a Xunta remitiu hoxe mesmo unha carta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico co fin de convidalo a participar nomeando a aqueles representantes que considere necesario incorporar.
A maiores dos membros que determine a Administración central, esa comisión de asesoramento contará con representantes de distintos departamentos das Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, do sector pesqueiro, de organismos investigadores e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A Xunta lembra na misiva que esta alga invasora -que comezou a aparecer hai anos en comunidades como Andalucía e incluída en 2020 no Catálogo español de especies exóticas invasoras- conta desde xullo de 2022 cunha estratexia de control -aprobada na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente- que detalla o reparto das principais competencias en materia de prevención, seguimento e control da expansión da especie, así como a xestión das consecuencias da mesma nos distintos ámbitos.
De feito, ese documento recoñece as competencias do Goberno central na xestión da especie no medio mariño salvo naqueles espazos protexidos de competencia autonómica e da biomasa que chegue a terra. No caso galego, esta alga apareceu nunha zona da ría da Coruña e noutra da ría de Vigo situadas fóra da Rede Galega de Espazos Protexidos e das Zonas de Especial Conservación (ZEC), polo que se atopa no ámbito das competencias da Administración Xeral do Estado.
Nesta liña, as dúas directoras xerais trasladan na carta ao Goberno central a súa preocupación pola proliferación desta especies e a intención de crear ese grupo de traballo técnico específico conforme ao establecido na estratexia e no documento guía que trasladou recentemente a Administración central ás comunidades autónomas para a elaboración dos plans de xestión da biomasa desta alga invasora.
Este comité de asesoramento terá como finalidade estudar a súa presenza na costa galega e definir actuacións coas que frear a súa posible expansión. A maiores, elaborará un plan de xestión da biomasa derivada desta especie e analizará os posibles impactos -tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente- da súa proliferación pois pode ameazar a biodiversidade do medio mariño.
Deste xeito, as Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar avanzan na súa colaboración e contacto permanente desde que en xuño tiveron coñecemento da constatación, por primeira vez, da presenza da alga Rugulopteryx okamurae na costa galega, feito que comunicaron inmediatamente ao Goberno central.