Aquel sen igual no que militaban tres defensas que fixeron e marcaron época, escribindo algunhas das páxinas máis brillantes do equipo da capital galega. Nacho Fernández, Javier Bellido e Juan Cabrejo veñen de reunirse no Campus que organiza este último en Camariñas, na Escola de Fútbol Municipal que leva o seu nome e onde máis de cen nenos e nenas adestran e compiten ao longo de toda a tempada baixo as súas ensinanzas e experiencia, adquirida en non poucos clubs nos que forxou unha traxectoria que xa é lenda na Costa da Morte.
Foi o «Vicente Carril» camariñán o escenario deste reencontro de novo sobre un terreo de xogo, un verde no que outrora eran protagonistas e que servía tamén para labrar unha amizade que perdura ao paso do tempo. Nacho, Bellido e Cabrejo seguen sendo referencia dunha afección que os lembra e reverencia con admiración e afecto, con esa saudade de esplendor sobre a herba que nunca volveu deslumbrar igual sen eles.