A Policía Autonómica esclarece un incendio forestal no concello de Avión

por Redacción Galicia

O lume produciuse por mor de partículas incandescentes durante a realización de traballos de corta de metal sen as medidas de seguridade necesarias

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense veñen de esclarecer un incendio forestal rexistrado o pasado 31 de xullo no lugar de Hedreira, na parroquia de Couso do concello ourensán de Avión.

O lume afectou 0,18 hectáreas de monte raso e orixinouse durante a realización de traballos con serra radial sen as medidas de seguridade necesarias. As partículas incandescentes procedentes da corta de metal produciron o incendio.

Na extinción do lume participaron medios da Xunta, en concreto, dous avións, un helicóptero, tres axentes, seis brigadas e tres motobombas

A Policía Autonómica tomou declaración como investigada á persoa responsable dos traballos e trasladou as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas un total de nove persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario