A alcaldesa, Inés Rey, puxo en relevancia esta intervención, coa que se poderá absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a estación intermodal da Coruña.
A Xunta de Goberno Local aprobará pasado mañá a adxudicación das obras de urbanización do viario que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, unha intervención que forma parte dos compromisos asumidos polo Goberno municipal no contexto das obras de construción da nova estación intermodal da Coruña.
A construción deste novo viario prevese fundamental por dous motivos: o primeiro, para garantir unhas conexións adecuadas entre as dúas avenidas, mellorando así a accesibilidade ao barrio dos Mallos; e por outra banda, porque con esta intervención poderase absorber o tráfico específico que teña como orixe ou destino a propia intermodal -xa que a práctica totalidade de liñas de autobús accederán á estación por este acceso- o que lle dará unha maior fluidez ao tráfico rodado nun dos principais puntos de acceso á cidade.
A empresa Vázquez y Reino será a encargada de executar os traballos, que suporán un investimento de 2,1 millóns e que, desde a súa posta en marcha, se deberán completar nun prazo de 18 meses.
«Desta forma, avanzamos na remodelación integral dos espazos públicos na Sardiñeira e a súa contorna, unha transformación clave tanto para a cidade como para o barrio en si, polo que suporá en termos de melloras de accesibilidade, transporte e dinamización económica», expuxo esta mañá a alcaldesa.