Os socialistas denuncian que a Xunta asfixia aos institutos ao implantar ciclos de FP sen dotalos de financiamento

por Redacción Galicia

Paloma Castro advirte que moitos centros vense na obriga de restar presuposto da ESO e do bacharelato para poder impartir ensinanzas que teñen un gasto extra.

A deputada socialista Paloma Castro denunciou hoxe en Poio que a Xunta está a asfixiar a moitos institutos de secundaria de Galicia ao implantar ciclos de FP sen dotalos dun maior financiamento. Así, son os propios centros os que deben asumir o incremento de custes, co que se ven na obriga de detraer recursos destinados á ESO e ao bacharelato.

Tras manter unha reunión coa dirección do IES de Poio —na compaña do portavoz do PSdeG no Concello, Gregorio Agís, e da concelleira Silvia Díaz—, Castro explicou que o ciclo medio de “Guía no medio natural e tempo libre”, que se imparte nesas instalacións, está a consumir o 40 % dos recursos do centro, cando conta con só 22 alumnos por cada un dos dous cursos.

Para a parlamentaria socialista, é un exemplo do que está a acontecer noutros institutos de Galicia, porque o Goberno galego está desatendendo as necesidades dos ciclos pese a que recibe fondos europeos para o seu funcionamento.

Paloma Castro asegurou que a incidencia do problema prodúcese especialmente con ciclos coma o de Poio, que esixen prácticas, saídas e clases moi específicas e que, por ese motivo, consumen máis recursos económicos e necesitan de docentes especializados.

Criticou tamén que, nese caso concreto, a dirección do instituto viuse na obriga de decidir entre contar con ese profesorado restando dúas prazas ao cadro de persoal xeral ou, como alternativa, que o profesor de Educación Física impartise contidos especializados. Foron as posibilidades que lles ofreceu a Consellería de Educación cunha marxe de só 24 horas para adoitar a decisión, posto que o Goberno autonómico informou sobre ese extremo o último día do prazo para solicitar profesores.

A deputada do PSdeG insistiu en que non é de recibo que a Xunta “se dedique a inaugurar ciclos e despois non os dote de financiamento”, especialmente cando no seu programa contan con materias custosas como Deportes Acuáticos ou Equitación, tal é o caso dos estudos que se imparten en Poio. Explicou tamén que se trata dun ciclo que conta con gran saída laboral e que só se imparte en 7 centros de toda Galicia e en 3 da provincia de Pontevedra.

Por todo elo, anunciou que o Grupo Socialista presentou unha serie de iniciativas no Parlamento galego a través das que esixe á Xunta que poña a disposición dos centros afectados o financiamento axeitado e que os dote do profesorado necesario. Ademais, no que se refire ao caso concreto do ciclo que se imparte no IES de Poio, demándalle ao Goberno galego que garantice a súa continuidade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario