Betanzos pecha as fontes da rede municipal e reduce os baldeos e os regos e prohibe o enchido de piscinas para aforro de auga

por Redacción A Coruña

O Concello publicou hoxe un Bando ante o estado de seca prolongada decretado pola Xunta na unidade territorial río Mero a Ferrol a que pertence Betanzos. Así, dende o Concello expóñense unha serie de actuacións que é necesario tomar para optimizar a xestión da auga.
Entre elas, dende hoxe cortárase o subministro de auga da traída municipal nas fontes ornamentais e elementos similares que se abastezan da rede municipal.

Ademáis, haberá tanto redución do baldeo de rúas para a súa limpeza coma nos regos públicos e privados que se reducirán aos estritamente necesarios; prohíbese o enchido de piscinas e o lavado de vehículos agás nos establecementos habilitados.

O Concello decidiu manter, unha vez valorado coa empresa concesionaria do servizo de Auga, as festas infantís previstas para hoxe e para mañá no Pasatempo. A pesar de que se trata dunha actividade na que se utiliza auga dadas as temperaturas destes días e que se trata dunha actividade que ten unha alta participación e na que máis gozan os nenos e as nenas de Betanzos, manterase no programa previsto como algo excepcional.
No Bando o Concello fai un chamento á cidadanía para que tome conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles.

Se solicita a colaboración dos veciños e as veciñas, das institucións públicas e máis das privadas e das empresas con sede no concello, para que se tomen as precaucións necesarias para evitar o gasto innecesario de auga.

 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario