A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024

por Redacción A Coruña

Viñetas Ñam! é unha nova iniciativa no marco da celebración da 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival.

A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas
desde o Atlántico 2024. Viñetas Ñam! é unha nova —e innovadora— iniciativa no marco da celebración da 27ª edición deste Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival.

A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘⁠Kokoda’, polo primeiro título da serie, _Balada do mar salgado_, en Malte Galera.

Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez. Finalmente, ‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar”.

Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun _stand_ gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés embebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas
linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dudas, unha cidade de cómic.

Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa
BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de
Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller
as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado
este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección
de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas
do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a Cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección
que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista _El Jueves._ Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar,
tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme _Black is Beltza II: Ainhoa_, secuela do éxito _Black is Beltza_, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

Foto portada: Vanessa Rábade

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario