A Deputación de Ourense colabora coa xornada de identificación de pragas e enfermidades da pataca que reuniu a máis de 70 agricultores

por Redacción Ourense

O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez; e o director territorial de Medio Rural da Xunta, José Antonio Armada, inauguraron hoxe esta iniciativa organizada polo Grupo Operativo XlPrisco.

A Deputación colabora coa xornada de identificación de pragas e enfermidades da pataca que reuniu hoxe a máis de 70 agricultores da Limia, e doutras zonas produtoras como Coristanco, Carballo ouBergantiños. 

O deputado de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe na inauguración desta xornada que ten como obxectivo “facilitar ferramentas aos agricultores de pataca para que lles permita prever pragas e enfermidades que eviten o seu impacto na produción”, explicou Rosendo Fernández. 

Este é un dos obxectivos do grupo operativo «Estratexia Sustentable para a xestión integrada de enfermidades en cultivos de pataca», financiado pola Xunta a través do programa FEADER 2023/013B, do que forma parte o Inorde, ademais da Universidade de Vigo, a IXP Pataca de Galicia, a Comunidade de Regantes Lagoa de Antela e agricultores como Leonardo Rodríguez de Coristanco.

Na inauguración da xornada tamén participou o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez; e o director territorial de Medio Rural da Xunta, José Antonio Armada.

Esta iniciativa, que se celebrou na Sede da Comunidade de RegantesAntela, contou coa participación da docente e investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, Laura Meno, encargada de expoñer os obxectivos do grupo operativo XlPrisco.

A docente e investigadora expuxo os resultados preliminares dos campos de ensaio realizados na finca experimental do Inorde, ensaios nos que tamén participaron 8 agricultores que están a colaborar con este proxecto (un de Coristanco e sete da Limia). Así mesmo, convidou aos numerosos produtores participantes a sumarse ao proxecto para optimizar os resultados en base ao maior número de datos posible.

Pola súa parte, Fernando Alonso Arce, experto de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional e autor de cinco libros sobre enfermidades de pataca, fixo un pormenorizado repaso das diferentes tipoloxías de enfermidades da pataca provocadas por fungos, bacterias e virus. Explicou aos agricultores os síntomas para que poidan realizar unha detección temperá dos mesmos e conten cos mecanismos necesarios para poder enfrontalos. 

A segunda parte da xornada desenvolveuse cun enfoque práctico, na finca de ensaios Antela do Inorde, para identificar plantas enfermas no campo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario