A deputada do BNG, Olalla Rodil, xunto co Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, a deputada provincial Iria Castro e a alcaldesa de Samos, María Xesús López, valoraron a nova proposta da Xunta e Sogama
O BNG convocou esta mañá unha rolda de prensa en Lugo para valorar o novo canon de Sogama. O BNG rexeita un novo canon que vai supoñer «un importante gasto» para as familias galegas, segundo declarou a deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil. A suba do canon vai supor un incremento por tonelada que se entrega a Sogama dos 56€ (nos 118 concellos bonificados) ou os 68€ (nos concellos non bonificados), até os 88€ que vai haber que pagar na segunda metade deste ano como canon. «Isto vai supoñer un gran esforzo para todos os concellos, especialmente os concellos pequenos que contan cun baixo orzamento», explicou Rodil.
A deputada do BNG anunciou unha ofensiva institucional contra esta suba impulsada pola Xunta e por Sogama, levando distintas iniciativas ás institucións onde o BNG ten representación, e lembrou que a FEGAMP aprobou unha moción para demandar á Xunta de Galiza que no proceso de negociación poida participar a FEGAMP, «para que os concellos non queden de lado e saiban o que teñen que pagar cada anualidade», explicou. Esta moción tamén rexeita o actual modelo, «que o único que fai é soterrar e incinerar e que non prima que se poidan facer outros tipo de iniciativas como as que está indicando a Unión Europea», afirmou Olalla rodil.
Desde o BNG amosan tamén preocupación porque a Xunta non aposte polo cambio de modelo, calificando a Sogama cono «un modelo insostible dende o punto de vista medioambiental e económico». A viabilidade desta empresa semipública depende actualmente do número de toneladas de residuos que se envíen á planta de Cerceda, polas que pagan os concellos e que se cobran ás veciñas e veciños, e do prezo da electricidade, de maneira que canto máis cara está a luz máis son os beneficios de Sogama.
«Dende finais do ano pasado a Xunta sabía o que ía recadar polo imposto de residuos, pero até despois das eleccións non anunciou a subida do canon aos concellos, alterando as contas municipais a metade do exercicio», explicou Olalla rodil.
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que «os Concellos realizan ano a ano un importante esforzo para cubrir as competencias que a Xunta deixa de lado», e exemplificou isto co Concello de Lugo, onde cada anos e invisten preto de 20 millóns de euros para este fin. Segundo Rubén Arroxo, «a mesma Xunta que presume de baixar os impostos fai que os concellos, a administración máis próxima e que máis servizos presta, asuman sobrecustos polos servizos que deixan de lado».
A proposta do BNG inclúe un acordo de País para avanzar cara un novo modelo na xestión dos residuos que deixe atrás os sistemas finalistas como a incineración e o depósito en vertedoiro -Sogama procesa así o 80 % dos residuos-. O BNG propón apostar por outras alternativas máis avanzadas que supoñen que o 50 % dos residuos, a materia orgánica, teña un tratamento de proximidade destinado fundamentalmente á compostaxe, o que redundaría nunha mellor xestión de outras fraccións de residuos, comezando por un proxecto qeu transicione de modelo onde convivan diferentes alternativas de tratamento do lixo.