A ANPA CEP Xosé María Brea Segade, convoca una concentración o próximo luns 12 as 20:30, diante do colexio

A ANPA CEP Xosé María Brea Segade quere manifestar a súa fonda preocupación e malestar polo estado actual das instalacións e pola limitación de persoal docente do centro educativo. A falta de investimento en infraestrutura, as carencias en seguridade e o incumprimento das normativas de accesibilidade están a prexudicar gravemente a calidade educativa e a seguridade dos nosos fillos e fillas.

En primeiro lugar, o centro a día de hoxe está pendente de solucionar as deficiencias detectadas no informe de inspección da OCA en baixa tensión, con data de abril de 2024, no cal se establece un prazo de reparación de 6 meses, vencendo este en outubro de 2024. Por tal motivo, instamos á Administración competente a que resolva con urxencia esta situación, xa que vemos perigar a apertura do centro ante estes incumprimentos, prexudicando deste xeito a os/as 115 alumnos/as adscritos/as á escola.

Por outra banda, o noso colexio presenta importantes defectos estruturais que requiren unha intervención urxente, ademais de incumprirse no mesmo a normativa en materia de accesibilidade. As instalacións están deterioradas, con problemas de humidades, filtracións de auga e fallos na cuberta, entre outros, ademais de carecer de ramplas de acceso, ascensores e servizos adaptados. Estes problemas afectan á integridade do edificio, crean un ambiente pouco propicio para a aprendizaxe, supoñen unha discriminación para aqueles nenos e nenas con necesidades especiais e constitúen un risco para a saúde do alumnado e do persoal docente.

Para rematar, volvemos poñer de manifesto as necesidades do centro e do alumnado a nivel pedagóxico: toda vez se supera na aula de terceiro de primaria o máximo de 25 alumnos disposto no Artigo 11 do RD 132/2010, do 12 de febreiro, e cunha previsión de 18 escolares con necesidades educativas especiais (NEE) e necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), dos cales 10 se concentran en devandita aula (un 40% do alumnado dese curso), a ANPA solicita:

  1. O desdobre efectivo da aula de terceiro de primaria, habilitando unha nova unidade e dotándoa dun mestre especialista en Educación Primaria a tempo completo.
  2. Un Departamento de Orientación propio, non itinerante e con mestres especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe a tempo completo no centro para a adecuada atención do alumnado con NEE e NEAE.

A ANPA, que presentou en pleno unha moción de urxencia o pasado xoves, 1 de agosto, para buscar o apoio municipal, reivindica e defende os intereses das familias do Brea Segade. De non obter unha resposta positiva por parte da administración educativa, convocaremos unha concentración para o próximo luns, día 12 de agosto, ás 20:30 horas diante do centro escolar.

Solicitamos que tanto a Xefatura Territorial como a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tomen as medidas oportunas para reverter a situación actual do centro no referente ao coidado e remodelación a nivel estrutural, de accesibilidade e de eficiencia enerxética, así como no que respecta ás necesidades pedagóxicas do CEP Xosé María Brea Segade, de acordo co disposto na lexislación vixente.

Comparte éste artículo
No hay comentarios