A Deputación destina 52.500€ á Asociación de Gandeiros de Lugo para impulsar o pastoreo tradicional

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo, Roberto Pedrido Rodríguez, para poñer en marcha un servizo de asesoramento

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un acordo co presidente da Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo, Roberto Pedrido Rodríguez, para impulsar o pastoreo tradicional a través dun servizo de asesoramento. Unha iniciativa que se enmarca no compromiso da institución provincial co sector primario e que axudará a revitalizar a matogueira dos montes e a preservar os distintos hábitats naturais en superficies montañosas cunha achega da institución provincial de 52.500€. 

O obxectivo principal desta actividade é promover, mellorar e recuperar as técnicas tradicionais de pastoreo que contan con importantes beneficios. Desde o punto de vista medio ambiental, este servizo permite incrementar os niveis de biodiversidade e actúa como unha barreira de propagación contra os lumes. En canto ao impacto económico, o pastoreo tradicional pon en valor as producións de gando de vacún de carne e dende o ámbito social impulsa a incorporación de novas xeracións ás actividades gandeiras, ao tempo que potencia a imaxe do territorio. 

Así mesmo, esta iniciativa ofrece asesoramento sobre os principais sistemas agrícolas que utilizan os pastos permanentes e sobre prácticas que melloren a eficiencia e produtividade en sistemas de produción de carne extensivos. Ademais, tamén orienta aos gandeiros sobre as técnicas de manexo de pasto que melloran a saúde animal e a produtividade. 

A colaboración da institución provincial permítelle á Asociación Profesional de Gandeiros de Lugo facer fronte aos gastos de persoal técnico que desenvolve este proxecto e tamén aos costes correntes de desprazamentos ou material necesario para prestar este servizo. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario