O TSXG acolle a solicitude de ADEGA e frea cautelarmente un proxecto eólico ás portas da Rede Natura Ancares-Courel 

por Redacción Galicia

O polígono Xeada forma parte, canda a Orballeira e Neboada, dun único macroproxecto eólico de ao redor de 65 MW de potencia en Valdeorras e Quiroga. A proximidade á Rede Natura, chave da paralización cautelar

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de comunicarlle a ADEGA a suspensión cautelar da autorización emitida pola Xunta de Galiza o pasado ano ao polígono eólico Xeada, promovido por Neiva Directorship en Valdeorras e Quiroga.

A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en risco

Este proxecto eólico constitúe, xunto cos parques Neboada e Orballeira, un complexo eólico continuo de ao redor de 65 MW de potencia, situado nos límites do espazo de Rede Natura Ancares-Courel e fragmentado artificiosamente para esquivar unha rigorosa avaliación ambiental dos impactos conxuntos. Ademais, atópase moi próximo aos tamén paralizados cautelarmente Ventumelo e Treboada

O proxecto Xeada afecta de forma crítica á única parella de aguia real (Aquila chrysaetos) da provincia de Lugo, unha das poucas existentes en Galiza. De levarse a cabo, incidiría tamén negativamente no proceso de recuperación e expansión do oso pardo polas montañas orientais galegas. Xeada proxéctase dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra. 

Dos tres proxectos que conforman o complexo, Xeada é o máis próximo á ZEC Ancares-Courel, ao lindar polo norte con boa parte do espazo natural protexido e ocupar unha extensa superficie de área prioritaria para a protección da avifauna. Os seus xigantes aeroxeradores de 220 metros de altura sitúanse moi próximos ás localidades da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga. Paisaxisticamente, exercería un gran impacto nos montes de Cernego e nos Tesos de Montouto, Paradaseca, Val do Río Lor, Serra de Biduedo, ou na Serra da Enciña da Lastra.

Efectos sobre a Rede Natura

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acolle no auto razóns ambientais para estimar necesaria a paralización cautelar do proxecto eólico. En concreto, o tribunal refire os seus efectos sobre a Rede Natura. Asegura que «a execución do proxecto podería evitar nun futuro non moi afastado unha correcta ampliación (necesaria e pendente) dos espazos protexidos por esta Rede Natura, en cumprimento dos obxectivos xa fixados no seu momento pola Directiva sobre hábitats». Engade que «o impulso da enerxía eólica debe planificarse evitando interferencias para a ampliación da Rede Natura, e salvar o impacto visual dos parques enerxía eólica nas proximidades de zonas clasificadas como LIC (lugar de importancia comunitaria), o que o fai necesario evitar situar este tipo de proxectos nunha zona adxacente á Rede Natura». 

O tribunal esgrime que «as especies a protexer atopadas na zona xa protexida non entenden de planificacións ou fronteiras, polo que as zonas ecoloxicamente relevantes deben obter unha protección íntegra«. Non pode haber, xa que logo, «espazos protexidos rodeados de aeroxeradores que, pola súa situación, van impedir esa ampliación nun futuro». Conclúe que é posible demostrar os riscos da construción do proxecto eólico Xeada para o espazo natural , motivo polo que determina a suspensión cautelar da executividade da resolución pola que a Xunta de Galiza autorizou o proxecto.

#TiPodesParalos, chave na loita xudicial contra a invasión eólica

Esta paralización cautelar é froito do masivo apoio cidadá á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos, a través da que se reuniron os fondos necesarios para que a organización ecoloxista puidese recorrer vía contencioso-administrativa este polígono eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (https://tipodesparalos.helpbysc.com/xeada). ADEGA parabeniza e manifesta un profundo agradecemento a toda a veciñanza implicada nesta campaña, en especial á Sociedade Galega de Ornitoloxía. Agarda, tamén, que os procedemendos xudiciais impulsados por ADEGA para frear os outros dous proxectos eólicos (Orballeira e Neboada), cos que comparte infraestruturas o polígono eólico Xeada, rematen igualmente na súa paralización cautelar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario