O Grupo Socialista leva ao Parlamento o “escándalo” dos 2,5 M€ gastados “a dedo” por parte da Xunta para o concerto de Muse de 2022

por Redacción Galicia

Leticia Galego denuncia a falta de transparencia do goberno galego, que máis dun ano despois segue sen facer público o expediente da adxudicación que pecharon o día antes do concerto

A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, presentou hoxe en Comisión do Parlamento de Galicia unha pregunta polo “escándalo” da adxudicación de 2,5 millóns de euros “a dedo” por parte da Xunta para contratar o concerto de Muse de setembro de 2022. Gallego lembra que aquel concerto fora adxudicado o día antes de que se celebrara nun proceso cheo de sombras pola xestión do goberno galego.

Criticou que o concerto, organizado por unha promotora privada, fora contratado “sen concurso público”, e que cando o anunciara a daquela delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández – Tapias, varios meses antes, “non existía nada de nada, nin expediente, nin concurso público, nin contrato” e mesmo non tiñan solicitado o estadio ao Concello de Vigo.

Criticou a falla de transparencia da Xunta, que máis dun ano despois aínda non fixeron público o expediente do concerto, que se fixo “a posteriori”, o 1 de setembro, como se pode comprobar na resolución publicada. Ironizou coa “rapidez” do goberno galego, que “fixo unha adxudicación en apenas 7 días”, entre o 1 e o 7 de setembro, para que o concerto se celebrara ao día seguinte: “ogallá foran así de rápidos na adxudicación da Dependencia”, remachou.

Subliñou que “por moito que se empeñen en dicilo, non foron vostedes promotores do concerto”, e o comparou coa xestión do Concello de Vigo, que “si é promotor dos concertos que se fan en Castrelos”, para os que “primeiro fan un concurso público e logo asinan un contrato”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario