En marcha unha nova edición do campo de voluntariado internacional que organiza o Concello da Laracha

por 21 Noticias

Conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Cada verán apóstase desde A Laracha por levar a cabo iniciativas destas características dirixidas a persoas de entre 18 e 30 anos de idade. Están encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna. Faise mediante a colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos relacionados, neste caso, coa arqueoloxía e centrados na posta en valor e mantemento do Castro de Montes Claros.

Nesta ocasión son quince os voluntarios participantes. O grupo conta con rapaces galegos (de Santiago, Vigo, Bueu e Moaña), doutras comunidades autónomas españolas (Madrid, Cataluña e Navarra) e tamén doutros países como Francia, Colombia e Turquía.

O alcalde, José Manuel López Varela, acudiu ao propio xacemento para darlles a benvida aos voluntarios, director e monitores. No acto estivo acompañado pola concelleira de Xuventude, Patricia Bello, o director territorial e o técnico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez e Alejandro Bregua respectivamente, e a directora do proxecto de posta en valor do sitio, Puri Soto. O rexedor explicoulles a importancia que para A Laracha ten o Castro de Montes Claros e a aposta do Concello pola súa recuperación, da que serán partícipes os voluntarios. Ademais de desfrutar co traballo diario no xacemento, tamén os animou a facelo das moitas actividades culturais, deportivas e de ocio que están programadas para eles.

Continuando coas intervencións desenvolvidas en anos precedentes noutros programas de similares características a este, o traballo específico do campo de voluntariado céntrase na realización de tarefas de limpeza con medios manuais dos afloramentos rochosos e do resto do ámbito. Fanse esas tarefas tras recibir a oportuna formación relativa á identificación das estruturas do poboado fortificado e das paisaxes históricas e sempre co control do equipo directivo do proxecto e baixo supervisión arqueolóxica.

Como actividades complementarias destacan as saídas a varios lugares do termo municipal da Laracha e doutros puntos da Costa da Morte. Ademais de visitar o dolmen de Dombate, o Castelo de Vimianzo e un centro de olaría tradicional de Buño, tamén desfrutarán dunha ruta ecuestre, da práctica do surf, dunha observación astronómica desde o dolmen Arca da Piosa e do festival da Carballeira de Zas, entre outras.

Os voluntarios alóxanse ata o 14 de agosto nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asume ao completo os custes da estancia e manutención, así como das actividades culturais que realizan.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario