Alfaroleiros pecha con trinta anos de éxito

por 21 Noticias

O éxito de vendas impúxose por trixésima vez consecutiva en Alfaroleiros, a feira da alfarería española que reuniu nos últimos 5 días en Santa Cruz a 25 artesáns convidados polo Concello. Como dixo o alcalde na inauguración “levar os petos cheos e os furgóns valeiros”.

Unha vez máis, esta orixinal e auténtica feira de artesanía tradicional marcou o ritmo destes días de agosto no Parque Luis Seoane, que abría o mércores coa herba literalmente chea de cacharros de barro e botou hoxe o peche co xénero bastante diminuído.

Fóron produtos de múltiples tamaños, prezos e funcións, desde as máis operativas na cociña de hoxe, como viratortillas, ensaladeiras, cuncas, tazas ou xerras, ate as máis decorativas, pasando por pezas realmente suntuosas, outras máis creativas e outras xenuinamente primitivas, que se adquirían por puro coleccionismo.

Faise imposible coñecer o número de pezas vendidas durante os cinco días, pero sen dúbida cóntanse por milleiros, o que supón para o sector artesán un importante activo económico, toda vez que acoden a Oleiros por convite do Concello. É o xeito que hai 30 anos inventou Oleiros para contribuir ao mantemento dos obradoiros tradicionais do barro nunha época en que o desenvolvemento doutros materiais relegounos de seren protagonistas a convertírense en residuais nos fogares de todo o país.

Alfaroleiros respondeu un ano máis igualmente á súa función socioeconómica e turística, ao converter Santa Cruz en visita habitual para moitas persoas que gozan da artesanía, pero tamén da paisaxe, a gastronomía e as hospedaxes da contorna.

A feira foi converténdose nunha das principais convocatorias deste tipo que se celebran en España, na que os propios artesáns venden directamente os seus produtos ao numeroso público que pasea polo porto de Santa Cruz.

Tamén a programación paralela foi un éxito, desde os eventos musicais do escenario da praza de Esther Pita ata os que tiveron lugar no propio recinto da feira, como as demostracións de olería e a maridaxe coa gastronomía popular ofrecido polas persoas maiores dos obradoiros de barro de Santa Cruz.

Unha feira que pecha coa vista posta na cuarta década que se iniciará o próximo ano coa trixésimo primeira edición. Precisamente os trinta anos de Alfaroleiros recóllense nunha exposición conmemorativa a través de 47 paneis fotográficos instalados entre o paseo marítimo de Santa Cruz e a praza de Esther Pita, onde quedarán ata fins de agosto.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario