A Quenlla realizará un gran concerto homenaxe a Avelino Díaz o vindeiro 23 de agosto – ás 20.30 horas – na igrexa mosterial de Meira. Será a primeira interpretación en directo e completa do disco “Na lírica emoción” que publicaron o pasado mes de novembro e que inclúe doce poemas musicados do poeta (Órrea-Riotorto, 1897- Buenos Aires, 1971)
O concerto, promovido pola Asociación Avelino Díaz, presentouse esta tarde no xardín do Pazo de Marcos nun acto no que interviron representantes do colectivo cultural – Azucena Gavín – e do grupo musical – Mero Iglesias, Manuel Dopico, Tania Capón e Álvaro Cardalda -, que coincidiron en valorar a relevancia do traballo discográfico para difundir e popularizar a poesía de Avelino Díaz.
Na intervención inicial, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou o traballo da Asociación Cultural Avelino Díaz “asumindo a tarefa pendente de traer de volta a Avelino Díaz e impulsar a investigación e o estudo da súa obra, aínda, en parte, inédita” e destacou “a importancia que o asociacinismo tivo e ten na loita polas causas da cultura e do idioma, cubrindo un oco que deixaron, historicamente, as institucións do país”
O acto congregou máis dun cento de persoas -entre elas, moitas delas vinculadas ao activismo cultural da Terra de Miranda e da Terra Cha – que puideron escoitar, como adianto do concerto, a interpretación en directo de dous dos temas do disco -Muller Galega e ´Zéxel-.
Entradas á venda
Ademais da actuación da Quenlla, o concerto homenaxe a Avelino Díaz incluirá actuacións de Voladura, Nove Ferreñas, Coral Polifónica Airiños do Miño, Coral de Ríotorto, Coro Pena Gallada e o Grupo tradicional A Chocolateira, que interpretarán tamén poemas musicados de Avelino Díaz. As entradas para o concerto están á venda na Oficina de Turismo de Meira a un prezo de 15 €, compra anticipada, ou 18 € o día do concerto.