Estas achegas buscan fomentar o coñecemento das características e calidades do viño galego en terceiros países, co fin de mellorar a súa competitividade no estranxeiro
Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de 2025 das axudas para a promoción do viño galego en terceiros países (fóra da Unión Europea) para as que a Consellería do Medio Rural destina 1,7 millóns de euros co obxectivo de apoiar ao sector vitivinícola da nosa comunidade. Nos últimos sete anos, realizáronse dentro desta liña preto de 150 programas de promoción e xestionáronse máis de 8 millóns de euros.
Estas achegas buscan fomentar o coñecemento das características e calidades do viño galego máis aló das fronteiras da Unión Europea, co fin de mellorar a súa competitividade no estranxeiro mediante a apertura, diversificación ou consolidación do mercado nestes países. Nesta liña, poderán beneficiarse das axudas as empresas vinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas e as súas asociacións, as organizacións interprofesionais, ou os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) vitivinícolas, así como as súas asociacións.
Tamén poderán recibir axuda as asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño, as cooperativas que comercialicen viños elaborados por elas ou polos seus asociados ou as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.
Cómpre destacar que estas achegas enmárcanse na Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV), que á súa vez se atopa ao abeiro do Plan Estratéxico Nacional de Política Agraria Común (PAC) do Reino de España 2023 – 2027. É dicir, un contexto favorable para o sector, que repercute positivamente na comercialización e internacionalización dos viños galegos e tamén contribúe a mellorar o agro da nosa comunidade.