Rubén Arroxo: «Presentaremos unha batería de propostas para instar á Xunta a que pinte pasos de peóns e poña límites de velocidade que melloren a seguridade no barrio»
O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira Maite Ferreiro e a deputada no Parlamento Galego, Montse Valcárcel achegáronse ata Castelo onde mantiveron un encontro coa veciñanza da zona para valorar a situación do barrio ante os problemas de seguridade que atopan a diario na Estrada da Fonsagrada. A veciñanza trasmitíu a súa preocupación pola falta de seguridade da vía que atravesa o barrio, que carece dunha señalización apropiada e adaptada ás súas necesidades.
Dende o BNG, explicou Rubén Arroxo, «compartimos esa preocupación, e xunto coa veciñanza esiximoslle á Xunta de Galiza que mellore as condicións da Estrada da Fonsagrada, sobre todo tratándose dunha área residencial na que viven numerosas familias».
Durante a xuntanza, o portavoz do BNG insistíu en que «é fundamental manter seguras as nosas estradas, xa que axuda a previr accidentes e a promover lugares máis tranquilos para os veciños e veciñas». Deste xeito, anunciou Arroxo, «presentaremos unha batería de propostas para instar á Xunta a que pinte pasos de peóns e poña límites de velocidade que melloren a vida no barrio de Castelo».
Ademais, o BNG solicita unha beirarrúa que una San Eufrasio co Carqueixo, «dous barrios que sufren marxinación por parte da Xunta e que teñen o dereito de contar con infraestruturas e servizos seguros e que faciliten e se adapten ás necesidades dos seus habitantes».
O BNG trasladará as reclamacións das veciñas e veciños ao vindeiro pleno municipal, ademais de presentar unha batería de medidas no Parlamento Galego «para instar á Xunta de Galiza a poñer fin a este problema de seguridade». Arroxo anunciou tamén que o BNG apoiará as accións que realice a veciñanza de Castelo para reclamar unha vía máis segura.