Medio Rural incorpora a variedade de uva autóctona “Ratiño gallega” á listaxe de admitidas para a elaboración de viño con Denominación de Orixe Rías Baixas
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas resolucións polas cales se aproban diferentes modificacións dos pregos de condicións da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Barbanza e Iria, solicitadas por cadanseu consello regulador. Así, e entre outras cuestións, inclúese a variedade de uva branca “Ratiño gallega” á listaxe de admitidas para ambos selos de calidade diferenciada.
Neste sentido, e no caso concreto da DO Rías Baixas modifícanse os requisitos obrigatorios das mesturas das variedades para as tipoloxías de viño Rías Baixas Rosal, Rías Baixas Salnés e Rías Baixas Ribeira do Ulla. Cómpre lembrar que estes viños poden levar, xunto co nome da denominación de orixe, outros nomes de zonas do seu territorio se, ademais de estar elaborados en adegas do correspondente territorio, contan tamén con uvas desa área xeográfica e de determinadas variedades.
Polo tanto, a partir de agora, aqueles caldos elaborados baixo o nome de Rías Baixas Rosal, elaborados e producidos na subzona do Rosal, deben ter unha porcentaxe igual ou maior do 70% dunha ou varias das variedades Albariño, Loureira e Caíño Branco. No caso de Rías Baixas Salnés -da subzona Val do Salnés- e Rías Baixas Ribeira do Ulla -subzona Ribeira do Ulla- terán que conter unha porcentaxes igual ou maior ao 70% dunha ou varias das variedades Albariño, Loureira, Treixadura e Caíño branco.
Por outra banda, inclúese a variedade branca “Ratiño gallega” na listaxe das admitidas na elaboración dos viños da denominación de orixe Rías Baixas, xa que se realizaron os estudos que acreditan que se trata dunha variedade autóctona recoñecida. Por tanto, a elaboración dos viños protexidos pola DO Rías Baixas realizarase exclusivamente con uvas das variedades Albariño, Treixadura, Loureira, Caíño branco, Torrontés, Godello e Ratiño gallega para viños brancos; e Caíño tinto, Espadeiro, Loureiro tinto, Sousón, Mencía, Brancellao, Pedral e Castañal para os tintos.
IXP Barbanza e Iria
O DOG tamén publicou hoxe a modificación no prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Barbanza e Iria, no que a variedade “Ratiño gallega” se incorpora á listaxe das brancas admitidas na elaboración dos viños amparados baixo este selo.
A maiores, a resolución contempla unha ampliación do ámbito territorial da IXP, integrándose nela a parroquia de Seira, do termo municipal de Rois, limítrofe coa área actualmente delimitada, que comprende os termos municipais de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga, así como as parroquias de Camboño, Fruíme e Tállara do termo municipal de Lousame; as parroquias de Iria Flavia e Padrón, do termo municipal de Padrón e as parroquias de Baroña, Caamaño, Queiruga, Ribasieira, San Pedro de Muro e Xuño, do termo municipal de Porto do Son.
Por outra parte, tamén se modifica o logotipo identificador destes viños de calidade para substituír a expresión“viño da terra” vixente dende o ano 2006, pola de “indicación xeográfica protexida”, actualmente máis recoñecida e que supón unha garantía da calidade dos viños desta comarca. Uns produtos que destacan pola súa materia prima e pertencen a unha das cinco IXP do ámbito vitivinícola existentes en Galicia.
Ligazóns ás resolucións no DOG