A Xunta de Galicia remitiu esta mañá ao Concello de Lugo a resposta á documentación recibida onte na que solicitaba autorización para instalar dúas ramplas de acceso ao Miño e remitía o informe realizado sobre a existencia de especies protexidas.
O Departamento Territorial en Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou os documentos coa máxima dilixencia e enviou ao Concello un escrito coas aclaracións precisas a fin de non perder máis tempo innecesariamente.
En primeiro lugar aborda o cambio de ubicación das plataformas, que agora o Concello propón trasladar uns metros precisamente para evitar o lugar de maior concentración de especies protexidas de náiades Potomida littoralis e Unio Delphinus, segundo os resultados do seu propio estudo. A Xunta informa de que autorización para a instalación das plataformas e competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, polo que a proposta da nova ubicación das plataformas deberá ser trasladada polo Concello de Lugo a este organismo de conca. No mesmo caso están os balizamentos propostos nesa zona de baño.
No que respecta á posibilidade de translocación das náiades, a autorización deberá solicitarse mediante o procedemento específico existente na sede electrónica da Xunta para este fin, como sen dúbida coñece o Concello de Lugo, xa que é o mesmo que se usou para a obter a autorización para realizar o estudo da presenza de exemplares protexidos.
Por último, a Consellería apunta que, una vez máis, o propio informe municipal revela que a zona elixida non é a máis idónea para garantir a seguridade das persoas usuarias, con profundidades inferiores a 1,5 metros e o conseguinte risco de accidentes e lesións.