A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta tarde no acto de celebración do centenario da Confraría ‘Santiago Apóstol’ de Barallobre, no concello de Fene, coincidindo coa celebración da Festa do Marisco.
A Confraría, que conta con máis de 150 profesionais do mar asociados, leva un século traballando e promocionando os produtos do mar, concretamente da Ría de Ferrol.
Durante a xornada de hoxe, máis dun milleiro de veciños e visitantes puideron degustar nesta afamada Festa do Marisco produtos de primeira calidade. A responsable de Emprego e Medio Ambiente salientou que a confraría celebra hoxe «cen anos de unión» e aproveitou tamén esta para reivindicar a importancia do sector pesqueiro a nivel comarcal, provincial e autonómico. «A pesca non é só unha importante actividade económica que xera centos de empregos no noso país, é un xeito de vida que deu forma á nosa identidade», subliñou Rosa Ana García.
A Deputación da Coruña apoia a actividade das confrarías de pescadores a través de axudas específicas, que este ano ascenden a 650.000 euros.