A Deputación da Coruña adxudica as obras de mellora da seguridade viaria en Bermún, Cee

por Redacción A Coruña

A actuación inclúe a construción dunha rotonda para calmar a velocidade dos vehículos, e a renovación e ampliación das beirarrúas

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato para a execución das obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee. As obras foron adxudicadas por 619.842,69 euros.

Os traballos incluirán a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.

En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.

Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.

A alcaldesa, Margarita Lamela, destacou a importante mellora que esta obra demandada polo concello suporá para a mellora da seguridade na zona e agradeceu o compromiso do presidente Valentín González Formoso para acometer esta importante actuación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario